+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Xuño de 2018

O CONCELLO DE PONTE CALDELAS TRAMITARÁ A CADUCIDADE DA LICENZA DO TANATORIO SE NON SE REABRE


As empresas funerarias propietarias dispoñen dun prazo legal dun ano unha vez que rematen as obras en marcha

O Goberno local de Ponte Caldelas está decidido a continuar utilizando tódolos recursos legais ao seu alcance para obrigar ás empresas que xestionan o tanatorio local a reabrir as instalacións. O equipo municipal, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, anticipa que abrirá un expediente de caducidade da licenza de actividade se esta no se retoma nun prazo dun ano unha vez rematadas as obras de reparación.
O Concello vén de recibir un informe xurídico que confirma que as funerarias dispoñen ata o próximo 21 de xullo para rematar as obras en marcha. Estas obras son a consecuencia dun expediente de disciplina urbanística aberto polo Concello que conducía a unha orde de execución e á imposición de multas coercitivas. As empresas reaccionaron e cun investimento próximo aos 120.000 euros puxéronse a corrixir os defectos da cuberta do edificio e a acondicionar completamente o exterior.
Sempre que as dúas funerarias que forman a sociedade explotadora non notifiquen antes o remate das obras, o Concello certificará o remate do prazo concedido para a execución. A partir de aí, de acordo con este informe xurídico, a licenza de actividade pode ser caducada de oficio se a instalación permanece pechada durante un ano.
O alcalde, Andrés Díaz, advirte de que non se perderá un segundo en poñer en marcha o procedemento administrativo da caducidade. Ademais, estanse xa a estudar alternativas para que Ponte Caldelas poda recuperar este servizo, que aínda que é prestado por empresas privadas dentro dun sector liberalizado, non cabe dúbida de que tamén ten un aspecto público.
“A veciñanza de Ponte Caldelas está a sufrir molestias por ter que desprazarse a outras localidades cando temos unha instalación para este fin que está pechada polas liortas entre dous socios empresariais e temos a obriga de buscar solucións”. “Ou abren ou pechan para sempre”, conclúe o alcalde, quen recalca que o actual equipo de goberno “non quedará cruzado de brazos, como fixo o anterior”.
O Goberno local de Ponte Caldelas (gobernado pola coalición formada por PSdeG-PSOE, AVP e BNG) recalca que o peche do tanatorio no ano 2014 é outra das herdanzas que deixou o PP en Ponte Caldelas, consentindo aos empresarios baixar a persiana sen tomar ningunha iniciativa. Un asunto, engade o alcalde, que xa vén de lonxe, pois a licenza de construción outorgada no seu día polo Goberno local do PP xa foi irregular, pois os terreos estaban previstos para un equipamento deportivo.

Deja un comentario