+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

AS MULLERES TRABALLADORAS DO POLÍGONO DA REIGOSA ESIXEN A IGUALDADE CUNHA MARCHA


O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, súmase a xornada reivindicativa das empregadas de Aludec, Arnoia, Forga e Orbe

O polígono industrial da Reigosa, o maior polo de emprego de Ponte Caldelas, foi o epicentro da folga do 8 de marzo, convocada polos colectivos feministas e os sindicatos. Unha concentración ás 12 horas, que deu paso a unha marcha polas rúas do polígono, foi o acto máis representativo.
As empresas e o sindicato CIG pactaron paros de dúas horas en quendas de mañá e tarde e foron secundados pola gran maioría das traballadoras, que contaron tamén co apoio de moitos compañeiros especialmente na marcha da mañá. Máis de 200 persoas participaron nesta manifestación polas rúas do polígono. Entre os asistentes estivo o alcalde, Andrés Díaz, en representación de todo o Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG).
As traballadoras tiñan planificada unha concentración nas inmediacións da rotonda da Reigosa, pero, trala lectura do manifesto, acordaron facer unha marcha polo polígono que tivo paradas diante das instalacións de Orbe e Aludec. Toda a mañá transcorreu nun ambiente moi reivindicativo, pero tamén moi festivo.
O alcalde, Andrés Díaz, afirmou sentirse orgulloso da forza das mulleres e subliñou que o Concello de Ponte Caldelas apoia rotundamente a súa loita por unha plena igualdade salarial no marco dunha sociedade máis xusta e sen distincións de ningún tipo e en ningún ámbito por razón de xénero. Ademais agradeceu a invitación expresa que se lle fixo chegar para participar neste acto.
Ao mesmo tempo, o alcalde aplaudiu a concentración de mulleres tamén realizada hoxe na Alameda de Ponte Caldelas, á mesma hora, e que foi convocada pola Asociación de Mulleres Rurais do Verdugo.
Esta tarde, a partir das 20.00 horas, Ponte Caldelas celebra na Casa da Cultura os actos institucionais do 8-M, que inclúen diversas partes, entre elas o acto simbólico “Atando lazos”, un brinde pola igualdalde e a actuación do cantautor Manoele de Felisa.

Deja un comentario