+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

PONTE CALDELAS ATOU LAZOS POLA IGUALDADE


O Concello celebrou un acto institucional, incluíndo unha actuación do cantautor Manoele de Felisa, ao que asistiron persoas de toda a bisbarra

O acto “Atando lazos”, co que o Concello de Ponte Caldelas celebrou onte á noite o Día da Muller, 8 de marzo, encheu a Casa da Cultura con persoas chegadas de toda a bisbarra e que se sumaron á programación caldelá.
O Concello programou un evento que incluíu a actuación do cantautor Manoele de Felisa, que interpretou pezas do seu repertorio e tamén outras moi coñecidas do cancioneiro galego. Deuse lectura a un manifesto institucional, fíxose un brinde pola igualdade e, finalmente, atáronse os lazos violetas, cada un cunha mensaxe, nun “photocall” que servirá en datas próximas para a montaxe dunha exposición.
A programación incluíu tamén a inauguración da mostra fotográfica “Con mans de muller”, cedida pola Federación Galega de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), cuxa presidenta, Rosa Arcos, estivo onte en Ponte Caldelas. O próximo día 16, Fademur organizará tamén unha charla-coloquio sobre emprendemento feminino no rural.
O Goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, e a oposición do PP xuntáronse para esta xornada na que, como destacou o alcalde, Andrés Díaz, non debe haber cores políticas nin partidismos, porque a igualdade é a festa da unión de todas e de todos. “Feminismo”, reza o manifesto caldelá, “é o mesmo que igualdade e, polo tanto, non é unha opción, senón unha cuestión ética”. O texto institucional polo 8 de marzo continúa facendo varias preguntas para a reflexión individual e colectiva: “Por que en 2018, en pleno século XXI temos que seguir falando de igualdade? Por que é necesaria a folga de hoxe? Por que temos que seguir avergoñándonos de vivir nunha sociedade na que as nenas e os nenos que veñen ao mundo teñen que empregar anos das súas vidas loitando por algo que xa debiamos ter acadado hai tempo?”
O brinde pola igualdade da Corporación municipal coa veciñanza da bisbarra foi realizado pola concelleira Pilar Couto, quen dedicouno, ademais, ás “mulleres bravas” e “a todos os homes que ven ás mulleres como iguais”.

Deja un comentario