+034 986 09 02 04 Sábado 26 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

DEPUTACIÓN E CONCELLO DE SALCEDA DE CASELAS ASINAN O ACORDO PARA MELLORAR A RÚA DA GÁNDARA


 

Crearase un novo espazo público común unindo a estrada provincial e o parque da Gándara, unha nova glorieta de acceso e unha senda peonil ata o río Landres

A Deputación de Pontevedra, da man de Carmela Silva e do deputado Uxío Benítez, e o Concello de Salceda de Caselas, a través do seu alcalde Marcos Besada, fixeron oficial o acordo para mellorar parte do treito urbano da estrada provincial EP-2505 coa sinatura dun convenio de colaboración. Este acordo permitirá remodelar 350 metros da rúa cun orzamento de preto de 680.000 euros, dos que a institución provincial aportará o 70% e o Concello o 30%.
Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación abarcará dende a estrada PO-407 ata pasada a ponte baixo a PO-510. No inicio, á altura do bar Clarín, construirase unha nova glorieta de ordenación do tráfico, para despois urbanizar un treito da chamada rúa da Gándara -ata a altura do aparcamento disuasorio- cunha plataforma única de convivencia para tráfico rodado e peóns.
A principal novidade do deseño é que a estrada se integrará no parque da Gándara, eliminando a balaustrada e o muro actual, “creando unha sensación espacial moi positiva que se apreciará perfectamente cando estea rematada a obra, cun novo gran espazo recuperado para as persoas”, explicou o deputado. O muro, cun importante desnivel, sí se manterá na zona da piscina para salvagardar a estabilidade do vaso de auga, pero eliminarase tamén na zona posterior ás escaleiras e á pista polideportiva para crear outro acceso peonil mediante unha rampa.
A partir do estacionamento disuasorio, segundo explicou Benítez, a estrada pasará a ter unha sección segregada para coches e peóns. Despois do túnel crearanse dous carrís de circulación e unha senda peonil de 2,5 metros de largo que conectará coa senda do río Landres dedicada a Francisco Estévez (pai do actor Martin Sheen) a través dunha nova ponte de madeira. “Tamén haberá elementos de calmado de tráfico (seis pasos de peóns sobreelevados) porque esta zona está situada ao lado de moitos equipamentos, o que fai moi necesario aumentar a seguranza viaria”, dixo o responsable de Mobilidade.
Benítez explicou que o obxectivo da obra é habilitar espazos seguros para os peóns seguindo os criterios da Estratexia de Mobilidade 3.0 da nova Deputación de Pontevedra, que propón o deseño dos espazos urbanos tendo as persoas como referente principal en lugar dos coches. “Cada actuación da Deputación ten para nós un receptor prioritario que son as persoas e os colectivos máis vulnerables, e este proxecto de Salceda de Caselas encaixa perfectamente dentro desa nova filosofía”, insistiu.
En canto aos prazos de execución, Benítez destacou que o proxecto pasará de inmediato ao servizo de Contratación provincial. Manifestou a súa confianza en que a nova lei de contratos non complique a burocracia da adxudicación e manifestou que a Deputación fará todo o posible para que o inicio das obras se produza no verán, a partir do que se terán que contar os seis meses de traballos. Unha vez rematadas as obras o treito da estrada será transferido ao Concello.
A provincia do século XXI
Pola súa parte, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que “non hai dúbida de que o mundo está a cambiar”, para o que é necesario “ter proxectos de futuro e defendelos malia que poidan chocar co que é habitual”. Carmela Silva definiu a acción do goberno provincial na área de Mobilidade como “cambiar todo para que todo cambie” e asegurou que “esta actuación é unha proba diso”. “Desde a Deputación de Pontevedra”, sinalou, “concibimos unha provincia diferente, do século XXI, na que as persoas son o máis importante”.
A presidenta asegurou que “os automóbiles arrincáronlle ás persoas os espazos que son seus, expulsándoas por non ser espazos seguros, accesibles nin inclusivos” e afirmou que “os gobernos teñen que ser valentes para que o que se fixo mal non se siga facendo”, senón “dar un cambio radical non só estético, como é tamén o caso de Salceda, que permita crear centros onde as persoas volvan ocupar o que é seu”. Deste xeito, asegurou Carmela Silva, “cambiamos as vilas coa complicidade dos gobernos locais, xa que cremos profundamente no respecto á súa autonomía”.
Finalmente, o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, agradeceu a implicación da Deputación e destacou que a estrada provincial que se vai recuperar forma parte da súa nenez, xa que a percorría de cotío cando acompañaba á súa nai ao lavadoiro. Lembrou que coa chegada dos vehículos se converteu nun foco de sinistralidade viaria e que todos os veciños do concello nalgún momento teñen sufrido “sustos” e accidentes de tráfico, polo que era moi necesaria unha intervención.
“Xa no 2007 lle indicamos a Louzán que esta era unha das nosas prioridades, xunto coa estrada da Lomba, e é agora cando podemos dicir que están cumpríndose: unha está en execución e outra vai iniciarse”, felicitouse Besada, que lembrou que é preciso “rematar coa dictadura do vehículo e recuperar espazos para as persoas”.
“Estamos de noraboa”, dixo o alcalde, que ademais de agradecer o novo proxecto, lembrou que a Deputación tamén actuou no concello instalando elementos de calmado de tráfico ao abeiro do Plan Móvese, que se incrementarán en número na segunda fase do plan, agora en redacción.

Deja un comentario