+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O PONTEGAL CONTABILIZA 1.422 ARTISTAS E GRUPOS INSCRITOS


A Xunta do Goberno provincial vén de aprobar na súa última sesión o catálogo de grupos acollidos
A Xunta do Goberno provincial vén de aprobar o catálogo de grupos acollidos ao Pontegal 2018, que acadou 1.422 inscricións. No catálogo desta edición o maior número de grupos acollidos corresponde á categoría ‘Teatro’ que contabiliza un total de 171 compañías inscritas entre as tres modalidades. Así, as dúas categorías de teatro profesional contabilizan 95 compañías inscritas, e a categoría de teatro non profesional 76 inscricións. Nesta categoría as inscricións increméntanse en 19 compañías con respecto á edición de 2017. En segundo lugar en canto a número de inscricións, sitúanse as ‘Masas Corais’ con 161 inscricións, das cales 29 corresponden á clasificación “A”, formacións cun mínimo de 50 membros, e as 132 restantes á clasificación “B”, formacións cun mínimo de 30 membros. Séguenlle a categoría ‘grupos folclóricos’ con 134 inscricións, os ‘grupos de gaitas’ con 132, o apartado ‘pandeireteiras’ con 129, ‘grupos folk’ con 94, bandas de música con 93, e grupos de ‘música clásica’ con 87 inscricións.
Hai que lembrar, que tal e como estipulan as bases, todos o grupos, compañías e artistas cuxas inscricións foron aceptadas neste programa teñen a obriga de realizar as súas actuacións, conferencias e/ou audiovisuais obrigatoriamente en lingua galega. Esta obriga tamén debe ser atendida polos concellos e asociacións que soliciten as actuacións, conferencias e audiovisuais, que deben facer toda a cartelería, promoción, e difusión en idioma galego.
O uso do galego é un dos criterios básicos incluídos na adxudicación das actuacións, e que xa fora contemplado nas pasadas edicións, atendendo a un dos acordos recollidos no pacto de goberno da institución provincial, que se fundamenta na promoción e defensa do uso do idioma tanto na propia institución como entre a cidadanía. Así, tanto artistas como concellos e asociacións están obrigados e obrigadas a realizar a publicidade en lingua galega, empregar unha linguaxe non sexista e introducir o logo do Pontegal de xeito visible. O non cumprimento destes requisitos é motivo de exclusión das axudas deste programa.
Novidade nos criterios de adxudicación
A principal novidade na convocatoria deste ano atópase nos criterios de adxudicación das actuacións a concellos e asociacións. Así, as máximas puntuacións corresponden a actuacións encamiñadas á dinamización da lingua galega, con ata 30 puntos, e as incluídas en programas de carácter social, isto é, que aposten pola igualdade de xénero, tamén con ata 30 puntos. Os outros criterios que tamén se terán en conta serán o interese supramunicipal, a duración da actividade e o público destinatario.
Estes criterios tamén correspondencia co importe máximo que se establece na adxudicación das actividades, tendo en conta tres tramos: as actividades englobadas en programas de dinamización do galego poderán solicitar ata 1.600 euros por actividade; as actividades englobadas en programas de fomento da igualdade entre homes e mulleres e en eventos de carácter social con colectivos en risco de exclusión poderán solicitar ata 1.500 euros por actividade; mentres que o resto de actividades terán ata 1.200 euros por actividade.

Deja un comentario