+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN TRABALLA XA NA REDACCIÓN DO PROXECTO DE MELLORA DO TREITO FINAL DA EP-1008 NO LUGAR DE VILANOVA EN CANGAS


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe coa concelleira de Mercedes Giráldez para comunicarlle que a actuación incluirá rehabilitación do firme, redutores de velocidade, sinalización e nova drenaxe
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a redactar xa o proxecto de mellora dos 300 metros finais da estrada provincial EP-1008, no lugar de Vilanova do concello de Cangas. Así llo comunicou o deputado provincial Uxío Benítez á concelleira de Obras e Servizos Mercedes Giráldez nun encontro mantido para buscar solucións ao mal estado da vía, da que ata hai pouco había dúbidas sobre a súa titularidade.
Benítez confirmou que a Deputación se fará cargo da remodelación do treito final da estrada provincial cunha actuación de pavimentado e de calmado de tráfico que aínda non está cuantificada economicamente de xeito definitivo polos técnicos. Tamén se instalará nova sinalización horizontal e vertical e aproveitarase para facer traballos de mellora da drenaxe de augas. A intención é que o proxecto pase ao departamento de Contratación provincial nos vindeiros 15 días e que as obras estean rematadas antes do verán.
Nestes momentos o último treito da EP.1008 presenta importantes deficiencias estruturais que foron identificadas polos vixiantes das estradas provinciais da zona: fochancas, fendas e cuarteiróns, afundimentos e peraltes defectuosos, ademais de carecer dunha correcta sinalización horizontal. Coa actual proposta de mellora para ese fragmento fresarase o firme existente, aplicarase unha rega de adherencia, a correspondente pavimentación, unha nova capa de material antiescorregadizo. e finalmente outra capa de rodadura, para rematar a actuación coa sinalización horizontal, a instalación dos redutores físicos de velocidade e a mellora da drenaxe lonxitudinal.
Estes traballos financiados pola Deputación de Pontevedra xa estaban previstos por parte do departamento de Mobilidade, mais executaranse de xeito coordinado co Concello -e a súa intervención na estrada municipal entre Violanova e Punta Alada-. Tanto o deputado Benítez como a concelleira Giráldez manifestaron o seu interese en axilizar o máximo posible a tramitación da licitación para poder ter a obra feita na primavera, xa que a estrada é moi transitada non só pola veciñanza cara aos núcleos de Alada, Barreiros e Couso, senón tamén como acceso á praia de Areabrava, o que multiplica a afluencia na tempada estival.

Deja un comentario