+034 986 09 02 04 Martes 17 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA DESTINA MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS DO PLAN CONCELLOS A OUTROS SETE CONCELLOS PARA A CONTRATACIÓN DE 146 PERSOAS


Forcarei, Meaño, Meis, Moaña, Sanxenxo, Soutomaior e Tui son as vilas que se van beneficiar destas novas achegas da liña 3 do “Plan Concellos 2018”

O Plan pon este ano a disposición dos municipios 72 millóns de euros, 42 correspondentes ao Plan 2018 e 30 da liña 1 do Plan 2019, un 75% máis que o pasado ano

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a sétima relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 3, para o fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, do “Plan Concellos 2018”. Así, tal e como informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, Forcarei, Meaño, Meis, Moaña, Sanxenxo, Soutomaior e Tui son as vilas que van recibir 1.133.728,05 euros para a contratación de 146 persoas ao abeiro da liña 3 do “Plan Concellos 2018”.

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que a Forcarei destínanse 80.454,88 euros para 9 postos de traballo relacionados coa recollida de lixo, obras públicas, forestais e condución de vehículos.

Á Meaño, o goberno de Carmela Silva achega 113.013 euros para a contratación de 18 persoas para desenvolver traballos relacionados coa conserxería, condución, administración, obras públicas, albanelería, axuda a domicilio, turismo e tempo libre. Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra destina a Meis 105.417 euros para a contratación de 9 postos de traballo relacionados coa cantería, albanelería, electricidade, fontanería, pintura, carpintería e obras públicas.

En canto a Moaña, a institución provincial achegará 224.200 euros para a contratación de 29 persoas para desenvolver traballos relacionados coa limpeza, albanelería, carpintería, fontanería, conserxería, obras públicas, medio ambiente e xardinería.

Á Sanxenxo, 259.671,82 euros para a contratación de 43 postos de traballo relacionados coa administración e obras públicas, e a Soutomaior destinará 119.496,99 euros para a contratación de 18 persoas para desenvolver traballos relacionados coa albanelería, obras públicas, fontanería, poda, medio ambiente e arquivo.

Por último, o goberno de Carmela Silva achegará 231.474,36 euros a Tui para a contratación de 20 postos de traballo relacionados coa administración, turismo, albanelería, carpintería, condución, biblioteca e limpeza.

Este ano, a liña 3 do Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, é dicir, un 2,5% máis que no 2017. Coas achegas aprobadas en Xunta de Goberno para os concellos de Forcarei, Meaño, Meis, Moaña, Sanxenxo, Soutomaior e Tui, “xa está concedido o 74,1% da liña 3, beneficiando a 46 concellos da provincia e empregando a máis de 800 persoas.”, segundo informou a presidenta da Deputación.

Deja un comentario