+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

PONTE CALDELAS ESTREA UNHA NOVA HÍPICA QUE É SEDE DO CLUB XB E DUNHA ESCOLA DE SALTOS CON 60 RAPACES


O centro ecuestre Atlántico, localizado en Santa Ana, contou co apoio do Concello a través do plan Proder

Os amantes dos cabalos contan cunha nova opción gracias á apertura do centro ecuestre Atlántico, situado en Santa Ana (Buchabade). Unhas modernas instalacións en plena natureza, que están focalizadas cara o salto de obstáculos e que son sede tanto do club de competición XB como dunha escola infantil que conta xa con 60 xinetes de entre 7 e 12 anos.
O director da hípica, Xabi Blanco, recibiu a visita do alcalde, Andrés Díaz, e expresou o seu agradecemento pola gran acollida que as instalacións están a ter dende a súa recente estrea. A finca, de 25.000 metros cadrados, dispón de dúas pistas de adestramento, unha delas cuberta, e contou cunha subvención de fondos europeos a través do plan Proder, xestionada polo Concello a través do GDR Pontevedra-Morrazo.
Xabi Blanco explicou que conta con alumnos procedentes de diversas partes de Galicia, especialmente de Vigo e de Pontevedra, que ven neste lugar paradisíaco de Ponte Caldelas un lugar idóneo para adestrar e perfeccionar a súa técnica nunha modalidade tan esixente como o salto. Ademais da escola hai outros cinco rapaces que adestran no centro Atlántico con cabalos da súa propiedade.
O responsable da instalación explicou que o salto ecuestre é un deporte que esixe unha total concentración e compaxinación coa montura. Ademais, recalcou, é unha disciplina totalmente igualitaria, na que non hai diferencias entre nenas e nenos e mesmo entre adultos, dado que homes e mulleres compiten xuntos. De feito, engadiu, o habitual é que as amazonas sexan mellores que os xinetes.
Andrés Díaz felicitou ao empresario por ter escollido Santa Ana para facer esta magnífica instalación, que ven complementar a importancia do municipio no mundo do cabalo, pois Ponte Caldelas conta tamén coa Hípica Amazonas, na Insua, aínda que esta céntrase no eido da morfoloxía nos cabalos de Pura Raza Española, onde ten acadado importantes premios no máis prestixioso concurso do mundo: o SICAB de Sevilla.
No centro ecuestre Atlántico, á parte da beleza da paraxe e da modernidade das instalacións pódese gozar tamén da presencia de 17 fermosos cabalos (8 de escola e o resto privados), entre eles varios ponies.
Xabi Blanco, que é xinete profesional, adiantou que pretende estender o deporte do salto en toda Galicia, ademais de proporcionar unha alternativa de lecer e unha ferramenta moi útil para o crecemento e desenvolvemento persoal dos rapaces.

Deja un comentario