+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

IX FESTA DO PETOTE


A IX Festa do Petote, que se celebrou en Carballedo, reuniu a 350 comensais malia o forte temporal de choiva e vento que afectou a Cerdedo-Cotobade, o que obrigou a trasladar todas as actividades ata o pavillón municipal.
A xornada comezou coas actuacións de charanga Charandonga e Pandereteiras do Val de Quireza e, grazas a unha pequena tregua da choiva, púidose celebrar parte do desfile de comparsas entre a travesía da Chan e o polideportivo. Participaron As Marchosas de Arcade, Os Solfamidas, O Bar de José, Os da Caña e Cor Café, que ofreceron un gran espectáculo e animación tamén no interior do recinto.
No pavillón houbo xogos e inchables para os rapaces, postos de venda de produtos e de promoción de certas festas gastronómicas do municipio, como a Filloa de Valongo, o Requeixo da Corredoira ou o Pan de Millo e Ovo de Tenorio, e un servizo de bar moi demandado para gozar do vermú. Por mor da adversa climatoloxía tivo que suspenderse a concentración de motos vespa.
Pasadas as dúas da tarde, comezaron a repartirse os cocidos completos con petote a cargo da cociñeira Carmen A de Perdiz e o seu equipo e a sobremesa estivo animada polo Dúo Prisma.
O presidente municipal, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción polo resultado da festa, “xa que cremos que houbo moita xente para o mal tempo que facía e ademais houbo máis animación ca nunca”. En todo caso, o rexedor anunciou que para 2018, por mor da décima edición, “tentaremos facer algo especial, comezando por sacar todas as actividades e o xantar popular á Praza da Chan se a climatoloxía o permite”. Ademais, indicou que pretenden darlle unha volta a certos aspectos da cita gastronómica “para que, aínda que haxa un día de degustación, o petote poida extender a súa sona e xenerar riqueza na hostalaría e os restaurantes locais durante un espazo de tempo máis prolongado”.

Deja un comentario