+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A XUNTA DE GOBERNO DA DEPUTACIÓN APROBA A ADXUDICACIÓN DO CONTRATO DE XESTIÓN DO PROGRAMA “CONECTADAS 2018”


Camela Silva informou que “a empresa Xestión Cultural Aurea SL será a encargada de desenvolver a iniciativa durante o ano 2018”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación da contratación do servizo de execución da terceira edición do programa “Conectadas”. Así, a Presidenta Carmela Silva informou que “a empresa Xestión Cultural Aurea SL será a encargada de desenvolver a iniciativa durante o ano 2018, trala valoración das catro empresas presentadas ao procedemento aberto”.

“Conectadas 2018” conta cun orzamento para este ano de 324.000 euros e, tal e como explicou Carmela Silva “ten por obxectivos mellorar a formación básica das mulleres da provincia para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, reducir a brecha dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías e superar os malestares das mulleres derivados da desigualdade de xénero, impulsando accións formativas que incorporan de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar”.

Ao abeiro deste “Conectadas 2018” vanse desenvolver 46 accións formativas distribuídas en 8 bloques temáticos: “Muller emprende: iniciativas sostibles para o emprego”, “Muller e cultura: Artes Visuais”, “Actualízate”, “Coas túas mans”, “Porque ti o fas”, “Súmate ao cambio”, “Ponte en forma” e “Coidados persoais”.

Carmela Silva lembrou que “no ano 2017 o programa “Conectadas” chegou a preto de 5.500 mulleres de 373 asociacións de 60 concellos da provincia”.

Deja un comentario