+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018

O CONCELLO DE PONTE CALDELAS ORDEA AO SAREB A REPARACIÓN DO VALADO DA PARCELA DO BALNEARIO


Tamén estuda repercutir os custos das obras de emerxencia realizadas esta mañá, retirando árbores caídas sobre a calzada

O Concello de Ponte Caldelas pechou provisionalmente o burato que o temporal Félix abriu no valado da parcela do balneario da localidade. A brigada municipal de obras tamén empregou boa parte da mañá na retirada dunha árbore caída e na corta e retirada doutra media ducia que estaban tumbadas contra a calzada.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) tomou a decisión de remitir unha nova orde de execución á sociedade pública Sareb para que repare o valado inmediatamente, pois a diferencia de cota existente entre a beirarrúa e as inacabadas obras da estrutura do balneario provocan un risco evidente para os peóns.
Por outra banda, estase procedendo a unha valoración da corta das árbores da zona, así como da limpeza realizada esta mañá para estudar repercutir os custos. Afortunadamente, a zona afectada coincide na curva na que a estrada cambiou de trazado polo que non foi necesario cortar o tráfico.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou a zona esta mañá e comprobou o perigo que supón o oco producido polos refachos de vento, durante a tarde de onte. Algunhas das planchas do valado metálico saíron voando cara o interior da parcela e alí permanecen. Ademais, o propio valado presenta danos nalgunhas zonas produto de actos vandálicos, polo que cómpre, non só restituír as planchas que faltan, senón tamén reparar as que están dobradas ou medio desprendidas.

Deja un comentario