+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018

PONTE CALDELAS APOSTA POLO EMPREGO DIGNO E PAGARÁ NOS CONTRATOS TEMPORAIS POLO CONVENIO DA CONSTRUCIÓN


Afronta a última fase do proceso de selección para os 10 operarios/as que formarán parte do Plan de Emprego que financia a Deputación

O Concello de Ponte Caldelas incorporará 10 operarios/as o próximo mes de abril ás súas brigadas para reforzar diversos servizos. A contratación prodúcese no marco do Plan de Obras e Servizos, unha das liñas de financiamento municipal incluídas no Plan Concellos da Deputación Provincial.
O Goberno local tripartito, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, opta pola calidade no emprego en lugar da cantidade. Por elo volverá respectar os salarios establecidos no convenio do sector da Construción. Deste xeito pagará entre 1.245 euros e 1.327 euros netos ao mes ás persoas que sexan seleccionadas. A masa salarial finánciase coa subvención outorgada pola Deputación, mentres que o Concello faise cargo da cotización á Seguridade Social durante o tempo da contratación, o que supón entre 470 e 502 euros mensuais. En canto ás condicións non salariais, os traballadores/as terán recoñecidos todos os dereitos recollidos no Convenio Colectivo do persoal laboral do Concello de Ponte Caldelas.
Os postos requiridos son 5 operarios/as de Desbroce e mantemento de espazos públicos, 4 operarios/as de Reparación e mantemento de infraestruturas municipais e un operario de Limpeza Viaria e doutros espazos públicos. A xornada laboral para as dúas primeiras modalidades é de 35 horas e para o último posto, de 37,5 horas semanais. A duración dos contratos será de 7 meses para as dúas primeiras e de 8 meses para a última.
O alcalde, Andrés Díaz, subliña que as condicións que ofrece Ponte Caldelas xa están a provocar que moitas persoas se interesen polo plan de emprego caldelá, pois trátase de salarios que dobran os que ofrecen outros concellos. “As Administracións públicas non estamos para fomentar a precariedade laboral, senón para crear emprego digno e de calidade, aínda que se trate de contratacións temporais”.
Ademais subliñou que a experiencia do ano pasado corroborou que unhas condicións retributivas e extrasalariais adecuadas fomentan un maior rendemento e unha maior satisfacción de todas as partes. “Nós queremos persoal para traballar, porque hai moito que facer nun concello con tanta dispersión poboacional como o noso, e para poder esixir rendemento antes debemos cumprir coa nosa parte”, engadiu.
A selección vaise facer a partir da listaxe que xa realizaron os Servizos Públicos de Emprego. Ata o próximo día 22, estas persoas deben presentar a súa solicitude formal no marco da Oferta de Emprego realizada polo Concello de Ponte Caldelas, que será o encargado de facer a selección final. Un proceso transparente, no que sempre participa un técnico da Deputación Provincial.
Os requisitos que se esixen consisten en ter a nacionalidade española, capacidade funcional para as tarefas, ser maior de idade, non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo nunha Administración pública, non estar inhabilitado xudicialmente e ter a condición de desempregado/a. Ademais, o operario de limpeza viaria debe contar con varios permisos de circulación.

Deja un comentario