+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O ‘EXPERTISE’ MUNDIAL EN MATERIA FORESTAL REUNIRASE EN PONTEVEDRA PARA BUSCAR SOLUCIÓNS AO MAL ESTADO DO MONTE


O vicepresidente César Mosquera e o reitor Salustiano Mato asinaron  un convenio de colaboración que pretende fixar directrices de xestión forestal solventes para previr lumes e reducir as súas consecuencias na provincia
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo converterán Pontevedra na capital mundial do coñecemento forestal para buscar solucións ao mal estado do monte na provincia. Ambas institucións, da man do vicepresidente César Mosquera e do reitor Salustiano Mato, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá reunir a quince expertos de primeira orde internacional no sector para consensuar un documento de directrices aplicables co fin de mellorar a xestión forestal, previr lumes e reducir as súas consecuencias.
O vicepresidente César Mosquera explicou que o convenio vén marcado pola preocupación da Deputación polo monte: “Ata o de agora a Deputación foi das poucas administracións que traballou polo monte con axudas para a creación dos parques forestais. A decisión das actuacións subvencionadas deixámola en mans dos redactores dos proxectos, pero a partir de agora, unha vez teñamos este documento consolidado con propostas solventes e elaborado con credibilidade por xente con experiencia, o que chamamos ‘o toque senior’, as institucións teremos un marco ao que aternos para actuar”, subliñou.
Segundo indicou Mosquera, idea é seleccionar un Grupo Experto (GE) composto por persoas de talento no ámbito dos incendios forestais e a silvicultura preventiva, cunha traxectoria científica ou técnica relevante, que actúen como catalizadores da innovación e acheguen o coñecemento sobre boas prácticas dende diversos puntos de vista.
Este Grupo Experto, ademais de realizar unha diagnose da vaga de lumes de 2017 na provincia de Pontevedra, indicará os seus factores desencadeantes máis importantes e nomeadamente aqueles nos que é posible intervir de xeito preventivo no futuro para evitar unha reiteración do acontecido. Ademais levará a cabo unha proposta de directrices sobre medidas de carácter preventivo de incendios forestais, nomeadamente aquelas referentes á xestión forestal, proporá xeitos de implementación das directrices propostas, e divulgará o contido do seu estudo para fomentar a súa aplicación.

 

Metodoloxía de traballo: o estilo da Unión Europea
O traballo a realizar polo GE comezará a xestarse cun informe individual inicial de cada un dos expertos convidados. Eses informes serán presentados e discutidos en grupo posteriormente nunha reunión de traballo presencial na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, da que sairá un informe consolidado logo de chegar a conclusións conxuntas e compartidas.
Segundo explicou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, este traballo ten un formato e unha metodoloxía novidosas no ámbito forestal: “Imos elaborar un informe ao estilo máis moderno, coas pautas que segue a Unión Europea, por exemplo, ao facer informes sobre o cambio climático. Creamos un panel de expertos e cada un dende o seu ángulo aporta a súa visión. Despois, de todas as miradas e aproximacións, tírase un denominador común para lanzar as conclusións que derivarán en directrices. Esta metodoloxía gústanos, parécenos interesante para este problema e nunca se fixo ata o de agora”, asegurou.
Pola súa parte, o futuro coordinador do GE e director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos Martín, destacou que a proposta da Deputación para facer un documento de directrices para a mellora da xestión do monte “é un grande reto” por confrontar opinións e diferentes aproximacións que enriquecerán o resultado final. “Serán recomendacións baseadas en ciencia e o resultado será un referente. Queremos aportar unha nova aproximación á realidade e para iso imos tentar fichar aos mellores para esta aliñación”, explicou, engadindo que no GE estarán presentes expertos galegos, portugueses, do estado español e tamén europeos, entre outros posibles técnicos internacionais.
Picos explicou que, a priori das conclusións futuras, o traballo está dirixido reducir o impacto dos lumes nunha situación de crecemento da biomasa en Galicia e de cambios climatolóxicos. “É necesario reducir ese combustible porque os lumes só se apagan quitándolles de comer. Haberá que traballar na silvicultura preventiva e en como manter a actividade no monte de xeito compatible a determinados aproveitamentos. Destacou que propostas integrais de mellora suporán un círculo vicioso porque “se o monte está en mellores condicións, os medios necesarios para a extinción de lumes son menores, e os riscos de e nas vagas de lumes tamén serán menores: tanto os danos ambientais, como os danos económicos como os persoais”.
Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, a rapidez é unha das vantaxes principais do traballo conveniado coa Universidade de Vigo –prevese que o informe final estea rematado na primavera-, ademais de ter un custo reducido (58.075 euros), unha grande credibilidade das conclusións, e unha grande capacidade de adaptación ás diferentes situacións que poidan xurdir durante a avaliación.

Deja un comentario