+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018

O ÁMBITO UNIVERSITARIO DA ENXEÑERÍA ENERXÉTICA AMOSARÁ NA II FEIRA DA ENERXÍA DE GALICIA A APLICACIÓN DAS SÚAS INVESTIGACIÓNS


 

SERÁ NUNHA XORNADA ORGANIZADA POLA ESCOLA DE ENXEÑERÍA DE MINAS E ENERXÍA DA UNIVERSIDADE DE VIGO, A CAL PARTICIPA POR PRIMEIRA VEZ

• CELEBRARASE DURANTE O SEGUNDO DÍA DO CERTAME, O CAL TERÁ LUGAR DO 22 AO 24 DE MARZO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

A II Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebrará do 22 ao 24 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará no seu programa cunha ampla xornada organizada pola Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo.

O seu obxectivo é dar a coñecer o traballo de investigación que realizan na universidade e as súas aplicacións para optimizar distintos procesos relacionados coa enerxía.

Estudantes, profesionais do sector e incluso o público xeral interesado no tema poden acudir a este encontro que terá lugar o segundo día desta feira do sector enerxético, a cal se desenvolve co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Xeración de calor, eficiencia e enerxía eólica

A xornada será presentada por David Patiño Vilas, coordinador do Grao de Enxeñería da Enerxía, quen abordará as ferramentas de simulación para a mellora de caldeiras de biomasa e sistemas térmicos. Ademais, trataranse as simulacións enerxéticas e de calibración de modelos na edificación, un software para mellorar a eficiencia enerxética en edificación que será analizado por Pablo Eguía Oller, profesor da Área de Máquinas e Motores Térmicos.

Estreitamente vencelladas coa anterior, daranse a coñecer as ferramentas para modelado 3D en edificación orientado a BIM (Building Information Modeling), o cal permite construír en tres dimensións un modelo dun edificio para obter información da súa estrutura e relacionala co seu consumo, entre outros aspectos. Higinio González Jorge, subdirector da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía será o encargado de falar deste tema.

Por último, tamén se expoñerá o modelado de sistemas de xeración eólica, mediante o que se establecen ferramentas para determinar, a través de distintos parámetros, a idoneidade dunha zona para instalar un parque eólico, estimando custes, xeración de enerxía ou retorno da inversión. Este modelo será detallado polo profesor da Área de Enxeñería Eléctrica da Escola, Daniel Villanueva Torres.

Deja un comentario