+034 986 09 02 04 Sábado 26 de Maio de 2018

PONTE CALDELAS APROBA DEFINITIVAMENTE O ORZAMENTO E CONTINÚA CONSOLIDANDO A SAÚDE ECONÓMICA DO CONCELLO


O concelleiro José Manuel Martínez reincorporouse á actividade municipal tralo grave accidente que sufriu o pasado mes de xaneiro

O Pleno extraordinario do Concello de Ponte Caldelas aprobou definitivamente os Orzamentos para este ano, a Relación de Postos de Traballo (RPT) e o recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar as facturas presentadas na recta final do pasado ano, principalmente, fóra do exercizo fiscal. Os asuntos saíron adiante cos votos favorables do equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e contaron ben coa abstención, ben co voto contrario do Partido Popular.
O Pleno significou tamén a reincorporación de José Manuel Martínez, concelleiro de AVP, que sufriu un grave accidente de tráfico o pasado mes de xaneiro que a piques estivo de custarlle a vida. Aínda con muletas, o edil, que recibiu unha calurosa benvida de toda a Corporación, irase incorporando progresivamente á actividade municipal.
O Orzamento conta cun monto total de 3.509.000 euros (cun crecemento dun 4%) e resulta o máis elevado da historia de Ponte Caldelas. Por outra parte, o Goberno municipal continúa coa senda de consolidación económica do Concello despois de iniciar o mandato cunha débeda dun millón de euros herdada do Partido Popular. Os informes de Intervención demostran que, finalmente, logrou cumprir as normas de Estabilidade orzamentaria e Regra de gasto, así como os prazos sobre morosidade das Administracións públicas.
Aínda que non figuraba na orde do día, explicouse que o Concello acudiu a finais de 2017 ao mecanismo de liquidez da Caixa de Anticipos da Deputación Provincial para solicitar dous créditos sen xuros por un importe duns 500.000 euros. O alcalde, Andrés Díaz, anticipa que ao longo dos próximos meses, o Concello irá amortizando débeda por unha cifra equivalente con cargo ao superávit de máis de 600.000 euros do exercizo pasado. Ao remate, os créditos con xuros pedidos polo anterior Goberno municipal a entidadesbancarias serán substituídos por préstamosmoito máis ventaxosos ao non ter custos financieiros.
“A nosa xestión económica é inmaculada”, recalca Díaz, “pois collemos o Concello cun burato por habitante de 181 euros e altos xuros e durante este ano baixaremos de 80 euros limpos por habitante”. “Cando empezamos este Concello estaba afogado e agora xa podemos respirar paraacometer investimentos que hai pouco serían inviables”, concluíu.
Por outra banda, o Pleno aprobou unha RPT pola que un total de 12 traballadores municipais verán incrementado o seu salario base. O novo cadro de persoal municipal recoñece os postos de avogada-directora e psicóloga do CIM, en cumprimento da sentenza xudicial motivada na xestión laboral realizada polo anterior equipo de goberno do PP ao longo de 11 anos de contratacións “a dedo”. Tamén rebaixa a exclusividade da praza da arquitecta e inclúe un posto de administrativo/a, outro de auxiliar administrativo/a e dous de operarios/as de obras eservizos. Finalmente, constata a praza de tesoureiro mancomunado cos concellos de Cerdedo-Cotobade e Vilaboa.
O Goberno municipal, dentro das súas potestades de xestión e reorganización do persoal municipal, anunciou a súa vontade de lanzar unha Oferta Pública de Emprego ao longo deste ano para cubrir a totalidade destas prazas, agás a de tesoureiro, que é de habilitación nacional. O alcalde recalcou que no Concello de Ponte Caldelas “acabáronse os enchufes doutros tempos e todos os postos se cubren por oposición en baseaos principios de publicidade, mérito e capacidade”.
Finalmente, o Pleno aprobou o recoñecemento extraxudicial por un importe de 140.159 euros correspondentes a facturas presentadas fóra do exercizo fiscal 2017 (que pechou o 18 de decembro) ou correspondentes a subministradores de electricidade. O alcalde destacou que algunhas destas facturas entraron mesmo en febreiro.

Deja un comentario