+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018

MULLERES EN ACCIÓN DO VERDUGO-OITAVÉN, UNHA NOVA ASOCIACIÓN QUE CHEGA PARA LOITAR POLAS CAUSAS SOCIAIS DE TODA A BISBARRA E A IGUALDADE


Un grupo de 11 mulleres de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Fornelos forman o núcleo fundacional, aberto a novas incorporacións

Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén é o nome da nova asociación que ven de nacer nesta bisbarra co obxectivo de involucrarse na loita pola igualdade e por todas as causas sociais da bisbarra, indo máis alá das habituais limitacións da política e da dinámica partidista.

Mulleres en Acción chega para demostrar que as mulleres de base poden e deben poñer o seu grao de area para acadar unha sociedade máis xusta. Buscan alcanzar unha capacidade real para poñer o foco do debate público asuntos de relevancia para mellorar a calidade de vida e/ou combater inxustizas sociais. Para elo non renuncian a tratar de influír na toma de decisións, tanto xerando conciencia social como chamando ás portas dos despachos oficiais.

O núcleo fundacional está formado por Lorena Durán Bello, Eva Bello Fernández, María del Carmen Juncal Santos, María de los Angeles Carrera Fernández, Yanira Moreira Blanco, Selene Domínguez Mariño, Vanesa  Vilariño Lorenzo, Beatriz Cabanelas Lorenzo, Ana María Otero Iglesias, Ana Vila Fernández e Isabel Pregal Avión, todas elas veciñas dos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Fornelos de Montes.

Somos un grupo de mulleres comprometidas, con capacidade para pensar e para esforzarnos buscando que o esquecemento dos asuntos que nos preocupan non sexa cómodo, nin confortable, partindo sempre do principio de que nós, como asociación, non imos apoiar a ningunha sigla política, senón que a nosa intención é traballar con todos os partidos e todas as sensibilidades indistintamente. Cada unha de nós ten as súas ideas, pero o que nos importa é que xuntas podemos ser unha ferramenta útil, recalcan.

A nova asociación, que xa ten moi avanzada a tramitación para o seu recoñecemento legal, nace tamén cunha carta fundacional baseada nos valores que pretende transmitir. O principal concepto guía de todas as súas actuacións será a sororidade (irmandade entre todas as mulleres para abordar as cuestións de xénero). O seu ideario é claramente feminista e abraza, polo tanto, o concepto de igualdade, pero tamén os de xustiza social, equidade, liberdade, rigor, excelencia, sensibilidade, sentido crítico, etcétera.

Deja un comentario