+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA VISITA AS OBRAS DA MUSEALIZACIÓN DO CASTELO DE SOUTOMAIOR QUE O CONVERTERÁN “NUNHA REFERENCIA DO PATRIMONIO DA PONTEVEDRA PROVINCIA”


A musealización do Castelo introducirá as novas tecnoloxías e a creación de contidos didácticos que permitirán afondar nos dez séculos da súa historia

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou hoxe acompañada polo alcalde da vila, Agustín Reguera, as obras da musealización do Castelo de Soutomaior das que, asegurou, “saio asombrada”. Carmela Silva sinalou que “a musealización vai ser espectacular e fará do Castelo unha grande referencia sen dúbida da Pontevedra Provincia”. Esta musealización, cuxa apertura será “a finais de abril ou na primeira quincena de maio”, informou a Presidenta, estase a realizar cun orzamento de medio millón de euros a través dos cales “renovaranse os contidos e a formalización museográfica do Castelo, destacando a súa importancia no territorio, o seu valor simbólico e a súa traxectoria histórica”.

O proxecto contempla actuacións como “unha zona de control de acceso ao castelo e aos xardíns e un espazo introdutorio”, sinalou Carmela Silva. O proxecto está estruturado arredor de dez eixos temáticos que inclúen os dez séculos de historia do Castelo de Soutomaior “en salas que ofrecerán materiais audiovisuais, recreacións en 3D e un mapping espectacular que se proxectará nunha parede da torre, na sala de Pedro Madruga”, asegurou a Presidenta provincial. Tamén haberá “unhas grandes caixas máxicas” nas que cando as persoas visitantes cheguen “haberá unhas imaxes e, ao achegarse, aparecerán outras. Será outro xeito de contar as historias que aconteceron no Castelo”.

O proxecto de musealización inclúe dous aspectos relevantes, resaltou Carmela Silva, como son por unha banda “a introdución das novas tecnoloxías no discurso expositivo do Castelo con vídeos en case todas as salas” e, pola outra banda, “a creación de contidos didácticos para entender de forma axeitada e divertida a historia do Castelo”. Trátase, polo tanto, dunha “musealización moi potente que permitirá á vez ter unha imaxe global da historia do Castelo e tamén moita información para poder afondar en aspectos concretos”, asegurou a Presidenta da Deputación de Pontevedra.

O Castelo contará por primeira vez cun centro de recepción ás persoas visitantes
Carmela Silva asegurou que “temos previsto investir máis recursos que se suman aos 210.000 € de 2016 e os máis de 600.000 € de 2017, polo que estamos a falar do maior investimento nunca feito na historia no Castelo”. En concreto, este ano “destinaremos ao Castelo de Soutomaior en torno a 300.000 euros para a creación dun centro de recepción de visitantes”, anunciou a Presidenta. Con este centro “dotaremos o Castelo dunhas instalacións acordes a un edificio que atrae a unha porcentaxe moi maioritaria de visitas en grupo e que ademais conta con cada vez máis afluencia internacional”. Este edificio será presentado unha vez remate a musealización e contará “cun espazo de espera, unha tenda con produtos relacionados co Castelo, a camelia e a artesanía local, e aseos”, informou Carmela Silva. Grazas a este edificio, integrado na paisaxe e co visto bo de Patrimonio, “poderemos obter datos das visitas aos xardíns xa que ata o de agora non había un control de entrada”.

Os xardíns do Castelo converteranse nun espazo “de aventuras e experiencias”
Carmela Silva lembrou que a primeira acción do Goberno provincial foi a elaboración dun Plan de Usos e Viabilidade do Castelo xa que “había moitas cousas que cambiar para abrilo á cidadanía e que, no canto de ser un instrumento ao servizo dun partido político, se convertese nun espazo para a nosa veciñanza e as persoas que nos visiten”. Isto é, “un lugar no que gozar do tempo de lecer, un lugar que fala como ningún outro das nosas historias”. A partir deste proxecto o Castelo definiuse como un produto de turismo cultural e de lecer familiar no que xa se comezaron a definir algunhas das accións que, asegurou a Presidenta, “se porán en marcha unha vez finalizadas as obras de musealización”.

Trátase, concretamente, do impulso de “áreas de picnic, merendas, obradoiros, mercados temáticos e festas, actividades e exposicións ou parques e espazos de xogos infantís” enmarcadas no eixo de melloras nos xardíns, as plantacións e o parque forestal do recinto do Castelo. “Queremos que os xardíns sexan un grande espazo de aventuras e experiencias” nun espazo que está clasificado como de excelencia internacional, resaltou Carmela Silva. Unha vez rematen estas actuacións, o Castelo de Soutomaior ingresará no Club de Produto Turístico Internacional ‘Turismo cultural castillos y palacios de España’, o que permitirá “ter un novo instrumento de visibilización do Castelo”, asegurou a Presidenta da Deputación de Pontevedra.

A estas súmanse outras accións xa impulsadas con anterioridade, como son o enriquecemento das cultivas, a adaptación á accesibilidade e mobilidade universal, a dotación de equipamentos, a creación de paseos e itinerarios, a tala dos seus máis de 300 eucaliptos e a creación das rutas das camelias, da fraga e dos viñedos.
As visitas ao Castelo aumentaron nun 33% desde 2015
Carmela Silva expresou a satisfacción do Goberno provincial porque “todo que estamos a desenvolver no Castelo reflíctese no aumento das súas visitas”. O Castelo superou en 2017 a cifra de 30.000 visitantes, “un 32,4% máis que en 2016 e un 33,5% máis que en 2015”, sinalou a Presidenta. Ademais, “temos reservas de grupos practicamente para todo o ano” de persoas inglesas, portuguesas, da provincia de Pontevedra, de toda Galicia ou de Madrid, entre outras procedencias. “O Castelo de Soutomaior estase a converter nun espazo moi relevante de atracción e de petición de guías turísticos e turísticas, estamos a converter o noso obxectivo de convertelo nunha referencia do patrimonio da provincia de Pontevedra”.

A Deputación de Pontevedra agarda a resposta de Patrimonio sobre a tala de eucaliptos de Sobroso
Carmela Silva aproveitou a ocasión para expresar a súa preocupación xa que “desde o Goberno provincial queremos actuar no Castelo de Sobroso exactamente igual que no de Soutomaior para a súa posta en valor”, pero “en outubro de 2017 pedimos a Patrimonio da Xunta de Galicia a autorización para talar os eucaliptos destes terreos e seguimos agardando pola súa resposta cinco meses despois”. Por iso, asegurou Carmela Silva, “isto non pode seguir así e fago un chamamento desde a proximidade, non desde o enfrontamento, para que se non hai persoal suficiente para facer fronte aos traballos que permiten outorgar as autorizacións en prazo, a Xunta contrate máis persoal”. “Non podemos esperar cinco meses porque iso impídenos seguir actuando e poñendo en valor o noso patrimonio”, asegurou a Presidenta da Deputación de Pontevedra.

Deja un comentario