+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN APROBA O PROXECTO DA RÚA DA GÁNDARA PARA SALCEDA DE CASELAS


O deputado Uxío Benítez anunciou que a Xunta de Goberno deu hoxe o visto bo á actuación cun orzamento de 680.000 euros

As obras permitirán que a estrada se integre no parque da Gándara creando un espazo de grande calidade urbana
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno o proxecto para mellorar o treito urbano da estrada provincial EP-2505, coñecida como rúa da Gándara, en Salceda de Caselas. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación ten un orzamento de 680.000 euros e prevese contratala de xeito inminente para que as obras poidan comezar no verán e rematar seis meses despois.
Benítez informou de que as obras de mellora abarcarán 350 metros, dende o cruce coa estrada PO-407 ata despois da ponte baixo a PO-510. Na zona inicial construirase unha nova glorieta de ordenación do tráfico, que dará paso a unha reurbanización cun deseño novidoso e de grande calidade urbana. A principal novidade é que a rúa pasará a ter plataforma única e integrarase no parque da Gándara, eliminando a balaustrada e o muro actual coa intención de crear un novo espazo recuperado para as persoas. O muro manterase na zona da piscina para salvagardar a estabilidade do vaso de auga, pero eliminarase despois na zona posterior da pista polideportiva para crear outro acceso peonil mediante unha rampla.
Despois do aparcamento disuasorio, segundo explica o deputado nacionalista, a estrada pasará a ter unha sección segregada para coches e peóns ata chegar ao túnel. A partir deste crearanse dous carrís de circulación e unha senda peonil de 2,5 metros de largo que conectará coa senda do río Landres dedicada a Francisco Estévez a través dunha nova ponte de madeira.
Debido á importancia de mellorar a seguranza viaria instalaranse seis pasos de peóns sobreelevados porque, segundo asegura Benítez, na zona , un lugar con moitos equipamentos e frecuentada pola veciñanza, actualmente súfrense grande cantidade de accidentes. “É fundamental reducir a velocidade, obrigar aos condutores a frear con elementos físicos, que é a maneira máis eficaz de calmar o tráfico”, dixo o nacionalista.
Hai que lembrar que esta actuación do departamento de Mobilidade da Deputación realizarase grazas ao convenio de colaboración asinado a semana pasada, mediante o que a institución provincial aportará o 70% e o Concello o 30% dos fondos necesarios para a execución.
Tal e como dixo o deputado, o proxecto está xa no departamento de Contratación provincial e agárdase que as incógnitas que existen sobre a nova lei de contratos non compliquen a burocracia da adxudicación. A intención é que o inicio das obras se produza no verán, habendo seis meses de prazo de execución dende entón.

Deja un comentario