+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

O CONCELLO ACOMETE O ENSANCHAMENTO DA VÍA DE LOUREDO AO ABEIRO DO PLAN DE MOBILIDADE INTERIOR DAS ALDEAS


A actuación, orzamentada en 20.000 euros, supón o derrubo e reconstrución de muros laterais e a dotación de nova pavimentación

O Concello de Cerdedo-Cotobade está acometendo o ensanchamento da vía de Louredo no lugar de Dorna, pertencente á parroquia de Santa María de Sacos, ao abeiro do Plan Municipal de Mobilidade Interior das aldeas. No marco do mesmo, preténdese que todas as pistas conten cunha anchura mínima que permita o acceso de turismos e de vehículos de emerxencias a todas as vivendas do municipio e incluso se poida realizar unha circulación simultánea en dous sentidos naqueles camiños que conten coas características axeitadas nas súas marxes para realizar estas ampliacións.

O presidente municipal, Jorge Cubela, achegouse ata a zona para visitar estes traballos, que toman o testemuño dos realizados recentemente no lugar de Vilanova, e departiu cos responsables da obra, que lle informaron que o ensanchamento e demais actuacións en Louredo quedarán rematados nos vindeiros días, ao igual que a mellora da pavimentación doutro camiño que dá acceso a un dos túneles subterráneos que enlazan con este lugar desde a estrada N-541.

A actuación en Louredo consiste no derrubo dos muros laterais, e a súa posterior reconstrución, en diversos puntos da vía onde se pode gañar espazo e na execución dun ensanchamento ata permitir as manobras simultáneas de dous vehículos, xa que na actualidade cando coinciden están obrigados a realizar unha complicada circulación cara atrás. Ademais, tras a mellora da estrutura da pista, procederase á dotación dunha nova pavimentación. Os traballos contan cun orzamento de 20.000 euros.

“Aparte dos moitos investimentos que estamos acometendo nas grandes infraestruturas a través da Xunta e nas nosas principais arterias de comunicación, tamén temos o compromiso de actuar en pistas máis pequenas e estreitas para garantir o acceso axeitado de vehículos a todas as casas e lugares. Moitos camiños foron concebidos hai moitas décadas e quédanse pequenos para os coches da actualidade, que son cada vez máis grandes, e desde o concello temos que ir dando resposta paulatina a estas necesidades”, comentou o rexedor.

Deja un comentario