+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018

VAQUEIRO PIDE A AMPLIACIÓN DA PONTE DE CAMPELO


O concelleiro socialista e presidente da Asociación de Veciños de Xesta, Enrique Vaqueiro pedirá que o concello da Lama amplíe a ponte de Campelo nesa parroquia con cargo ao próximo programa de Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

“ Campelo é unha pequena aldea cunha forte presenza de actividade agraria e gandeira, polo que sería moi necesario que o Concello da Lama execute unha obra de ampliación da primeira ponte que discorre sobre o río Xesta e que é de titularidade municipal, para que os camións de gran tonelaxe poidan entrar no pobo sen dificultades”, explicou Vaqueiro.

“Cónstanos dalgún proxecto en mente para a construción dunha nave gandeira que non se puido concretar pois o material para a mesma só pode entrar a través da ponte en cuestión, que é demasiado estrelo e ten unha curva moi complicada para camións moi longos”, explicou.

“Temos que garantir que todas as persoas que viven na Lama teñan os mellores accesos e as mellores estradas, se é que pretendemos unha maior implicación das persoas no despoboamento do rural galego. Só con boas comunicacións virán persoas a vivir aquí”, finalizou Vaqueiro.

Deja un comentario