+034 986 09 02 04 Venres 19 de Outubro de 2018

VAQUEIRO SERÁ O NOVO COORDINADOR COMARCAL EN PONTEVEDRA


Os secretarios xerais das agrupacións socialistas da comarca de Pontevedra reuníronse para constituír a coordinadora comarcal, órgano político que traballará para facilitar a coordinación da comisión executiva provincial e as agrupacións locais ante o reto das eleccións municipais do ano que vén.
Está integrada polos secretarios xerais de Fornelos, Ponte Caldelas, A Lama, Pontevedra, Poio, Forcarei, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior, á que deberá incorporarse nos próximos días un representante das mocidades socialistas da provincia.
Por aclamación e sen necesidade de votación, decidiuse que o coordinador deste órgano político sexa Enrique Vaqueiro, secretario xeral da agrupación da Lama e portavoz do grupo municipal.
A esta primeira reunión da comarcal de Pontevedra acudiu a vicesecretaria xeral política da executiva provincial, Paula Fernández, quen destacou o consenso alcanzado polos representantes das agrupacións locais para elixir ao seu novo coordinador.
Pola súa banda, Enrique Vaqueiro, agradeceu aos seus compañeiros a súa unanimidade para elixilo como coordinador e marcouse como meta as próximas eleccións municipais.
Vaqueiro considera que o Partido Socialista ten que “subir en votos e concelleiros nos oito concellos da comarca, ademais de consolidar as alcaldías de Ponte Caldelas e Fornelos de Montes polo traballo excelente que están a facer os seus alcaldes”.

Deja un comentario