+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

A II FEIRA DA ENERXÍA ANALIZARÁ EN PROFUNDIDADE AS DIRECTRICES ENERXÉTICAS DE GALICIA 2018-2020


O DIRECTOR XERAL DE ENERXÍA E MINAS, ÁNGEL BERNARDO TAHOCES, SERÁ O ENCARGADO DE EXPOÑER ESTAS PAUTAS NUNHA XORNADA ORGANIZADA POLA XUNTA A TRAVÉS DO INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA (INEGA)

A II Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebrará do 22 ao 24 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará cunha xornada de gran interese para o sector na comunidade, organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), dependente da Xunta de Galicia.

Esta analizará en profundidade as Directrices enerxéticas de Galicia 2018-2020, sendo o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, o encargado de detallalas. Así mesmo, co director do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do INEGA, Emérito Freire Sambade, como moderador, contará coa intervención de seis destacadas empresas do sector que expoñerán os seus plans de inversión en Galicia neste período.

Así, participarán Gas Natural Fenosa, coa presenza do seu delegado xeral en Galicia, Manuel Fernández Pellicer; Repsol, coa intervención do director de Enxeñería e Desenvolvemento de C.I na Coruña, Ricardo Santos; e Endesa, sendo o seu portavoz Miguel Temboury, director territorial da zona noroeste. Tamén intervirá o delegado en Galicia de Iberdrola, Francisco Silva, e os directores xerais de Greenalia e Reganosa, Manuel García e Emilio Bruquetas.

Eficiencia enerxética

Por outra banda, o aforro e a eficiencia enerxética no ámbito local e na industria do futuro centrarán dúas xornadas organizadas tamén polo Instituto Enerxético de Galicia no certame. A primeira delas estará moderada por Zeltia Lado Lago, xerente da entidade, quen ademais falará do Ecobarrio como un novo concepto de desenvolvemento urbano sostible.

No seu transcurso tamén se abordarán as claves para o aforro enerxético municipal, de man do xefe da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do INEGA, José Ángel Abad, e a eficiencia enerxética en iluminación pública exterior, por parte de Camilo Carrillo, profesor da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. Así mesmo, expoñeranse os beneficios do autoconsumo eléctrico en Galicia, por parte de Óscar Nogueira, vicepresidente do Clúster Galego do Autoconsumo e Eficiencia Enerxética (AGAEN); a financiación de proxectos de aforro enerxético, de man de Elena González, directora da Asociación de Empresas de Servicios Energéticos (ANESE); e as axudas para a eficiencia enerxética e enerxías renovables nos concellos, que serán dadas a coñecer por Irene Menéndez, xefa de Desarrollo Urbano Sostenible do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE).

A segunda das xornadas, moderada por Joaquín López, xefe de área de Enerxías Renovables do INEGA, centrarase na economía verde. Tratará o valor dos datos para ser máis eficientes na produtividade enerxética, abordado por Carlos Caamaño Montero, responsable de Siemens Energy Management en Galicia, e a eficiencia e continuidade na transición enerxética dende o punto de vista da coxeración, exposta por Javier Rodríguez Morales, director xeral da Asociación Española de Cogeneración (ACOGEN).

Sumaranse a estes temas a integración de enerxías renovables en procesos industriais, exposta por Pedro Pérez e Daniel Couceiro, de Insta Ingenieros, e o potencial do biogás en Galicia a partir de residuos agroindustriais, analizada por Mónica Figueroa, da área de Bioenerxía do Centro Tecnolóxico Energylab. Así mesmo, Gustavo Amann, director de operacións de CO2 Smart Tech, falará dos sistemas avanzados de xestión enerxética, mentres que da financiación do CDTI para proxectos de I+D+i no sector farao Gabriel Barthelemy, do departamento de Energía, Transporte, Fabricación y Sociedad Digital do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI).

Deja un comentario