+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018

A II FEIRA DA ENERXÍA DE GALICIA COMEZA MAÑÁ CON 255 FIRMAS EXPOSITORAS E UN PROGRAMA NO QUE DESTACAN AS SÚAS 86 CONFERENCIAS


ESTARÁN PRESENTES UN 5,8% MÁIS DE FIRMAS E UN 11,8% MÁIS DE EXPOSITORES DIRECTOS NUNHA SUPERFICIE QUE SUPERA NUN 27,6% A DA PASADA EDICIÓN

A II Feira da Enerxía de Galicia, que se celebrará desde mañá xoves ata o vindeiro sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará coa presenza de 255 firmas expositoras de 20 países, o que supón un incremento dun 5,8% (na pasada edición foran 241). Estas estarán representadas por 104 expositores directos, un 11,8% máis que na súa primeira edición (cando foran 93) de España, Portugal, Alemaña e Bulgaria.

Destes expositores directos, 11 son internacionais, o que supón máis do dobre de empresas estranxeiras que en 2016, cando foran 5. Respecto ás firmas, proceden de 4 países máis. Así, estas cifras constatan a aposta do certame pola súa internacionalización e que, á espera de ter celebrado tres edicións para poder solicitar o selo de internacionalidade que outorga o Ministerio de Economía, Industria y Competitividad, xa cumpre o requisito da porcentaxe de expositores estranxeiros.

Estas empresas e entidades, entre as cales se encontran moitas das máis importantes do sector, ocuparán un dos pavillóns principais do recinto e unha zona exterior do mesmo, sendo a superficie neta de 5.479 metros cadrados, un 27,6% máis que en 2016, cando foran 4.294 metros cadrados.

A Feira da Enerxía de Galicia volverá a constituír un efectivo espazo de converxencia para empresas, institucións, profesionais e consumidores, no cal estarán presentes expositores de enerxías convencionais e renovables e dos ámbitos da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial, iluminación ou servizos.

Será inaugurada mañá ás 13.00 horas polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Un amplo programa
A feira contará cun interesante programa de actividades que, conducidas por cerca de 150 expertos, contará con propostas para profesionais e consumidores.

As conferencias serán unha peza clave. Sumarán 86 que se agruparán en 29 xornadas organizadas por destacadas entidades, como o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), dependente da Xunta de Galicia; Instituto Iberoamericano de Ingenieros de la Energía, Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (AVEBIOM), Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Federación Galega de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións (FEGASINEL), os clústers galegos do Autoconsumo e da Xeotermia (AGAEN e ACLUXEGA) e tamén as empresas Saltoki, Férroli, Repsol, Reganosa, CO2 Smart Tech e Termosun.

Estas conferencias, nas que participarán máis de 90 profesionais de máis de 60 entidades, profundarán en temas de gran interese, como as Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, aforro e eficiencia enerxética, biomasa, autogás, softwares de xestión enerxética, aerotermia, experiencias enerxéticas en países iberoamericanos, edificios de consumo case nulo, sistemas de produción de ACS mediante enerxía solar, o proxecto Core LNGas hive, seguridade industrial, mobilidade sostible, autoconsumo, xeotermia, tramitacións telemáticas para instalacións de baixa tensión, biogás, coxeración ou hibridación, entre outros.

O programa da feira, a cal conta co apoio da Xunta de Galicia, tamén estará conformado por outras actividades. Así, contará cunha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos de enerxía e a eficiencia enerxética, promovida pola Fundación Sotavento Galicia e o INEGA; talleres para escolares da Fundación Repsol; a exposición fotográfica “A enxeñería industrial na sociedade” do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia ou presentacións como a da revista “Dínamo Técnica” e o libro “El triángulo de la gestión energética en la empresa y en la administración pública”.

Ademais, levaranse a cabo importantes encontros sectoriais como os da Asociación Española de Empresas Productoras de Pellets (Apropellets), a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Acluxega, Asociación de Empresas do Cerramento de Galicia (Aecalpo) e Fegasinel. A todos eles unirase o Encontro dos Clústers da Enerxía de Galicia.

Por outra banda, a feira contará cunha proposta moi atractiva para o público xeral, un circuíto de vehículos eléctricos, híbridos e de gas no que os visitantes poderán probar coches e furgonetas de distintas marcas, entre elas Nissan, Renault e Toyota, ademais dalgúns modelos cedidos pola Xunta de Galicia e Repsol.

A formación, outro dos eixos do certame
Exposición e programa conformarán así un espazo de negocio, innovación e divulgación ao que se unirá un cuarto eixo, a formación. Así, acollerá diversas xornadas organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas que ademais de abordar as habilitacións e carnés profesionais en seguridade industrial, presentaranse a aula de formación Schneider de deseño, montaxe e aplicacións e tamén dous proxectos galardoados nos Premios de Innovación na FP, “Edificios de consumo case nulo: perdas enerxéticas por infiltracións de aire” e “Biomasa-Stirling-Fotovoltaica: hibridación de sistemas para produción de electricidade e calor”.

Ademais, na exposición estarán presentes dous postos da aula Schneider, para amosar as súas posibilidades de formación, e catro proxectos de innovación premiados. Serán un aeroxerador a escala, un sistema de desprazamento autónomo para persoas con mobilidade reducida e tamén os presentados nas xornadas, o equipo de medición continuo de parámetros de confort e eficiencia enerxética e o módulo autónomo biomasa-stirling-fotovoltaica, que pode facer que unha vivenda sexa autónoma e sostible, combinando biomasa, placas solares e aeroxeradores.

Así mesmo, co obxectivo de que aproveiten as sinerxías formativas que xera o certame, 500 alumnos de formación profesional acudirán á feira. Serán de 9 centros das catro provincias, esencialmente das ramas de Enerxía e Auga e Instalacións e Mantemento, pero tamén de Electricidade e Electrónica, Transporte e Mantemento de Vehículos e Fabricación Mecánica. A eles sumarase un importante número de alumnos universitarios de diversas especialidades de enxeñería, que tamén visitarán a feira.

Deja un comentario