+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

ABRE AS PORTAS A II EDICIÓN DA FEIRA DA ENERXÍA NO RECINTO FEIRAL DE SILLEDA QUE ESTE ANO CONTA CO DOBRE DE EMPRESAS ESTRANXEIRAS


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde visitaron a Feira da Enerxía de Galicia, que acollerá 255 firmas procedentes de 15 países

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde acompañados do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís asistiron á II Feira da Enerxía de Galicia, que hoxe abriu as súas portas no Recinto Feiral de Silleda e que acollerá a 255 firmas procedentes de 15 países, o dobre de empresas estranxeiras con respecto á I edición.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda indicou que a II Feira da Enerxía de Galicia pretende ser un foro no que converxen empresas, institucións, profesionais e usuarios do sector enerxético, sendo un evento único no Noroeste peninsular, xa que se aglutinan tódolos tipos de enerxía, tanto renovable como convencional, ademais da eficiencia enerxética, a mobilidade sostible, o material e equipos para instalacións, a electrónica industrial, a iluminación ou os servizos.

Pola súa parte, o conselleiro de Economía Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que a II Feira da Enerxía vai ser un escaparate das últimas novidades do sector e, en especial, das enerxías renovables, un dos ámbitos polo que a Xunta máis está apostando con proxectos pioneiros como o Ecobarrio de Ourense, que desenvolverá a primeira rede de xeotermia de Europa; ou co impulso ao sector eólico na Comunidade, co que se prevé crear 7000 postos de traballo ata 2020.

Conde sinalou tamén que, nestes intres, falar de enerxía é falar de aforro enerxético, respecto polo medio ambiente e economía verde, os tres obxectivos que perseguen as liñas do Goberno galego e que están recollidas nas Directrices Enerxéticas 2018-2020.

Deja un comentario