Precisa que, cun investimento de máis de 2,5 millóns, se renovarán ademais os servizos de abastecemento, saneamento e iluminación e se rehabilitarán o pavimento e a sinalización necesaria
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a humanización completa da rúa Progreso contribuirá, ademais de a mellorar a calidade de vida dos veciños, a consolidar o atractivo turístico de Sanxenxo e o seu papel de destino de referencia nas Rías Baixas.
Durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para a remodelación desta rúa, Feijóo precisou que, cun investimento total de máis de 2,5 millóns de euros, se renovarán ademais os servizos de abastecemento, saneamento e iluminación e se rehabilitará o pavimento e a sinalización necesaria.
Así mesmo, incidiu en que esta obra mellorará a fluidez do intenso tráfico que circula por esta vía e incrementará a seguridade, a accesibilidade e a integración urbana da rúa e o seu desfrute polos peóns, con beirarrúas máis anchas, aparcadoiros ordenados e xardíns.
Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que o convenio asinado se enmarca dentro dunha alianza a prol dun turismo que, dunha banda, sexa respectuoso e sensible coas necesidades dos veciños e que manteña o atractivo deste lugar.
Neste compromiso, recordou que o Plan de sendas, co que a Xunta quere facilitar unha mobilidade alternativa ao coche a través de itinerarios seguros e integrados na paisaxe, ten na estrada PO-308 unha das súas maiores razóns de ser. Non en van, o treito de senda entre Soutullo e A Lanzada xa está finalizado e, nos próximos meses, culminaranse as obras ata Major, coa previsión de que o ano que vén estea completamente finalizada a conexión ata Portonovo.
Cun investimento de case 7 millóns de euros só en Sanxenxo, Feijóo aseverou que este proxecto, ademais de mellorar a seguridade viaria, achegará un novo valor turístico para este municipio.
Por último, resaltou que a Xunta está xa a traballar tamén nesta estrada para eliminar o treito de concentración de accidentes na zona do acceso á praia de Areas, cuxas obras se concretarán neste ano. Unha obra que forma parte do obxectivo da Xunta de eliminar os tramos de concentración de accidentes mellorando a seguridade viaria, co compromiso de que en 2020 todos estes tramos queden eliminados dos 5.000 km de estradas competencia da Comunidade.
Deja un comentario
Disculpa, debes iniciar sesión para escribir un comentario.