+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

PONTE CALDELAS ADHÍRESE AO SERVIZO DE XESTIÓN DO PADRÓN MUNICIPAL DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL


 

Aprobada a agrupación de municipios para compartir a praza de tesoureiro/a con Cerdedo-Cotobade e Vilaboa

O Concello de Ponte Caldelas aprobou, en sesión plenaria ordinaria celebrada onte, a súa integración no servizo do padrón municipal que comeza a prestar a Deputación Provincial, así como a adhesión á agrupación de municipios, formada por Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Vilaboa, para compartir a praza de tesoureiro/a. Os dous asuntos saíron adiante por unanimidade.
A xestión do padrón municipal resultará agora máis sinxela. Os datos serán migrados na aplicación da Deputación, o que posibilitará a integración completa desta base de datos coa sede electrónica do Concello, facilitando todo tipo de trámites “on line” á veciñanza.
O novo servizo, posto en marcha pola Deputación, inclúe tamén formación do persoal e un soporte para resolver as consultas e incidencias da cidadanía por vía telefónica ou telemática.
O alcalde, Andrés Díaz, destacou a axuda que a Deputación presta aos concellos pequenos ofertando este tipo de servizos nun marco legal cada vez máis restritivo e burocratizante a causa das continuas reformas administrativas promovidas polo Goberno de España. Neste eido destacou que as novas leis de Contratos, de Procedemento Administrativo e de Bases de Réxime Local introducen importantes rixideces e atrancos para a xestión municipal. Un incremento da burocracia que vai en liña contraria ás restricións crecentes para a contratación de persoal ou á utilización do superávit. Neste marco, destacou, toda a axuda que poida prestar a Deputación é necesaria.
Por outra banda, o Concello deu o visto bo á agrupación para compartir tesoureiro/a, pola que os tres municipios terán cuberta esta praza que, de xeito obrigado, debe estar a cargo dun funcionario con Habilitación nacional. Para facilitar a xestión laboral da praza, Ponte Caldelas e Vilaboa transferirán mensualmente a Cerdedo-Cotobade a parte proporcional da nómina que lles corresponde.

Deja un comentario