+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA FAI UN CANTO “Á CANTERÍA COMO PROFESIÓN DE FUTURO” NA INAUGURACIÓN EN VIGO DA EXPOSICIÓN “NADO EN PEDRA. FORMAS E FIGURAS”


A mostra, elaborada polo alumnado da Escola de Cantería, pódese visitar na sede da Confederación Empresarial de Pontevedra da cidade olívica ata o 15 de maio

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a deputada delegada da Escola de Cantería, Montse Magallanes, inaugurou hoxe na sede de Vigo da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) “Nado en Pedra. Formas e Figuras”, unha nova exposición elaborada polo alumnado da Escola de Cantería, centro dependente da institución provincial. Carmela Silva lembrou que “as galegas e os galegos, as pontevedresas e pontevedreses, se somos algo é pedra e auga e en calquera dos 61 concellos da nosa provincia hai unha pegada moi forte da arte en pedra”.

“Nado en Pedra. Formas e Figuras” está composta por 18 pezas de tamaño variado e de temática centrada, como indica o seu nome, nas formas e figuras como as de animais, sacos, caixas de peixe, figuras humanas, froitas, péndulos e ata un home aforcado, que se poderá visitar na sede da CEP en Vigo ata o vindeiro 15 de maio. Todas estas pezas foron elaboradas polo alumnado da Escola de Cantería, que Carmela Silva lembrou que existe desde 1979 “para formar aos mellores canteiros, e agora tamén canteiras, de todo o mundo”. A Presidenta asegurou que “temos que presumir disto, porque é unha profesión milenaria que hoxe segue tendo moito futuro”. Carmela Silva matizou a este respecto que “no noso mundo temos moita riqueza patrimonial, escultórica e arquitectónica, pero ademais temos que seguir traballando e deixando a nosa pegada. Houbo xeracións pasadas que nos deixaron esta riqueza e nós tamén lle temos que deixar a nosa ás seguintes”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra expresou a súa gratitude á CEP “por solicitar esta mostra que permitirá a toda a xente que pase por esta sede coñecer e apreciar o que fan as nosas mestras e mestres canteiros do século XXI”. “Dedicarse á actividade económica non está rifado coa sensibilidade, co compromiso nin co amor ao que é noso”, felicitou Carmela Silva.

Pola súa banda, Abel Caballero sinalou que “se aínda non se sabe o seguinte destino da mostra, ten que estar nalgún espazo público de Vigo como a rúa Príncipe ou a Porta do Sol e que todo o mundo poida gozar desta arte ao pasear pola cidade”. O alcalde puxo en valor o oficio asegurando que “antes de que os matemáticos inventasen os teoremas, os canteiros xa os vivían, porque foron quen de mover pedras que as leis da física dicían que non se pode, pero desde o momento no que se converten en arte xa non pesan, son ingrávidas”. Abel Caballero asegurou estar “seguro de que estas pezas un día estarán nun sitio onde serán dignas dunha grande admiración”.

Carmela Silva lembrou que en Vigo “desde que chegamos ao Goberno xa hai moitas obras da Escola que poden ver os seus cidadáns e cidadás, como o Convenio co Foro Enrique Peinador de Vigo para realizar unha peaña para o busto”, o convenio do Concello de Vigo “para elaborar a escultura de Balbino, do libro O neno labrego, situada na Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas”. Do mesmo xeito, a Presidenta provincial sinalou “o convenio coa Parroquia de Santa María de Vigo para a reprodución do tímpano da Concatedral, coa Parroquia da Nosa Señora de Fátima de Vigo para o conxunto escultórico do Xardín da Igrexa, que recolle aos pastoriños e pastoriñas que aseguran ter visto á Virxe, ou o convenio coa Parroquia de Santa Mariña do Cabral para a confección dun cruceiro e a rehabilitación da pila bautismal”.

Ademais, Silva adiantou que “temos pechado que unha das pezas realizadas por un alumno da Escola como o seu traballo de fin de grao estará moi pronto en Samil”, concretamente “unha enorme nécora que pesa toneladas”, e “outra obra espectacular que lle devolverá á Igrexa da Guía un sagrado corazón planificado na súa construción pero que non se chegou a materializar”. Trátase dunha obra “tecnicamente moi complexa debido á súa altura e grandiosidade, e que haberá que baleirar, que se poderá ver desde toda a área metropolitana”.

Finalmente, Carmela Silva quixo lembrar, “para pór en valor os nosos mestres e mestras canteiras, que están traballando na restauración de monumentos emblemáticos” como a Sagrada Familia, en Barcelona, a Catedral de Santiago de Compostela, a Catedral de Westminster, a Igrexa de San Xudas, o Big Ben e o Palacio de Westminster de Londres, o barrio de Chiado en Lisboa e mesmo nas obras de recuperación do edificio do Capitolio en Washington, Estados Unidos.

“Nado en Pedra. Formas e figuras”, da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, ten por obxectivo dar a coñecer e pór en valor o traballo realizado polo alumnado deste centro de formación e esta arte, como é a cantería, moi ligada ao patrimonio da provincia de Pontevedra. Coa mostra, a institución provincial busca que a cidadanía poida coñecer unha profesión que, grazas ao alumnado da Escola, xa empeza a ser recoñecida máis alá das nosas fronteiras.

Deja un comentario