+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

A MOBILIDADE ALTERNATIVA E SOSTIBLE, ENTRE OS EIXOS CENTRAIS DO PROGRAMA DE HOXE NA II FEIRA DA ENERXÍA DE GALICIA


 

O CERTAME, QUE SE CELEBRA ATA MAÑÁ NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA, CONTOU CUNHA XORNADA CENTRADA NESTE TEMA ORGANIZADA POLA XUNTA DE GALICIA A TRAVÉS DO INEGA

 

A II Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebra ata mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA co apoio da Xunta de Galicia, tivo hoxe a mobilidade alternativa e sostible como un dos seus eixos centrais.

Así, acolleu unha xornada sobre mobilidade sostible, organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), dependente da Xunta de Galicia, na que María Luz Peláez, xefa da Área de Desarrollo Industrial Sostenible do Ministerio de Economía, Industria y Competitividad abordou o Marco de Acción Nacional de Energías Alternativas en el Transporte (Directiva 201/94/UE), o cal ten como obxectivo seguir a regulación comunitaria para minimizar a dependencia do petróleo no sector do transporte, diversificar fontes de enerxía, establecer seguridade na subministración e mitigar o impacto ambiental.

No seu transcurso, entre outros aspectos, abordou o parque automobilístico e as infraestruturas a nivel nacional, destacando que respecto ao gas natural comprimido o parque aumentou un 70% dende xuño de 2016, mentres que en gas natural licuado fíxoo un 66%. Así mesmo, en canto aos vehículos eléctricos explicou que aumentaron un 82%, e as matriculacións un 127% (de 5.400 en 2016 a 12.300 en 2017).

Ademais, analizouse a mobilidade con gas e con GLP, de man do presidente da Asociación Ibérica del Gas Natural para la Movilidad (GASNAM), José Ramón Freire, e do xefe de Desarrollo de Mercado Galicia-Asturias de Repsol, Fernando López. Tamén biogás, biometano e hidróxeno como combustibles alternativos para a mobilidade foron debullados polo responsable da Área de Mobilidade Sostible do Centro Tecnolóxico Energylab, David Meana.

Así mesmo, aportouse a visión da mobilidade eléctrica por parte da empresa, sendo os encargados de facelo Carlos Bergera e Antonio Menéndez, representantes de Ibedrola e Endesa, e tamén a mobilidade alternativa dende o punto de vista dos fabricantes, aportada por Sergio Tarrío, responsable do Departamento de I+D+i e Deseño de Castrosúa, Antonio Freire, responsable de Produto de Man Bus, e por un representante de Iveco.

Proxecto Core LNGas hive
No certame celebrouse tamén esta mañá a II Conferencia do Proxecto Core LNGas hive, centrado no impulso do gas natural licuado (GNL) no sector do transporte, especialmente marítimo. Na apertura oficial do evento, participaron Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa, Claudio Rodríguez, director de infraestruturas de Enagás, e o director de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, quen destacou o LNGas hive como un proxecto ambicioso e de gran importancia.

Así mesmo, estivo presente José Llorca, presidente de Puertos del Estado, quen o definiu como un proxecto de Estado de cara á descarbonización, e polo tanto cooperativo, no que todo mundo se debe sentir activo. Ademais, fixo un resumo da situación actual deste plan e indicou que se está traballando xa no Core LNG hive 2.

A continuación, no evento, organizado por Reganosa por encargo do proxecto europeo Core LNGas hive, fíxose unha presentación do mesmo e expuxéronse diversas visións sobre a implantación do gas natural licuado como combustible marítimo.

Circuíto de vehículos

Por outra banda, a feira continúa a acoller o circuíto de mobilidade sostible con vehículos eléctricos e híbridos, o cal está a ter gran acollida entre os visitantes. Estes poden probar nun recorrido de algo máis dun quilómetros as prestacións de coches, furgonetas e motocicletas de distintas marcas, concretamente de Nissan, Renault, Toyota e Eléctrica Motorcyles, ademais dalgúns modelos cedidos pola Xunta de Galicia.

Deja un comentario