+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O ACONDICIONAMENTO DO LAVADOIRO DO INXERTO-SAN PEDRO SÚMASE AO PLAN PARA RECUPERAR O PATRIMONIO ETNOGRÁFICO DE CANGAS


O deputado de Cultura e Lingua visitou esta obra, que foi realizada grazas ás axudas provinciais de rehabilitación do patrimonio histórico
Durante o pasado exercicio, os concellos da área do Morrazo rehabilitaron e sinalizaron elementos patrimoniais por valor de 111.078,23 euros ao abeiro destas axudas provincias
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e a concelleira de Obras e Servizos de Cangas, Mercedes Giráldez, visitaron esta mañá a fonte-lavadoiro do Inxerto-San Pedro, na parroquia de Darbo, que vén de ser acondicionada a través dunha axuda de 12.100 euros da liña de subvencións destinada á rehabilitación e sinalización de patrimonio histórico e cultural titularidade dos concellos. Na visita, o deputado lembrou que precisamente hoxe mesmo remata o prazo para que os concellos da provincia presentaran solicitudes ao abeiro desta liña de axudas para o exercicio 2018.
Sobre a actuación na fonte-lavadoiro do Inxerto-San Pedro, Leal salientou “a aposta da concellería de Obras de Cangas por recuperar un patrimonio comunitario do Concello para devolverlle o valor identitario e cultural que sempre tivo entre a veciñanza”. Unha idea na que afondou a concelleira deste departamento, Mercedes Giráldez ao afirmar que “neste mandato propuxémonos recuperar este tipo de patrimonio etnográfico, que antes era considerado patrimonio menor, pero que nós entendemos que debe ser rehabilitado por representar un lugar de encontro e reunión histórico e que, grazas a esta liña de axudas, a parroquia aínda o poderá seguir usando no futuro”. As obras de acondicionamento incluídas na subvención implicaron a limpeza e encintado de todos os elementos de pedra –tanto o lavadoiro, como os muros laterais, banzos e pavimentos-, o selado das gretas existentes na estrutura, a impermeabilización e pintado da cuberta, a colocación de placas prefabricadas de formigón sobre o oco do canal polo que discorre a auga na zona exterior, colocación de barandas de protección, e labores de desbroce e limpeza dos terreos colindantes. Giráldez tamén asegurou que esta actuación forma parte dunha planificación máis ampla que persegue a recuperación de todos os lavadoiros do concello. Así, especificou que a través da brigada municipal de obras xa foran acondicionados os lavadoiros de Donón e de Gondarán; e que na solicitude das axudas da Deputación para este 2018 presentaron unha solicitude para o proxecto de acondicionamento dos lavadoiros de Bondiñeiro e o das Sareiras.
Pola súa banda, o deputado provincial de Cultura e Lingua lembrou que a liña de axudas para rehabilitar e sinalizar patrimonio histórico-cultural de titularidade municipal é unha liña de nova creación que implementou o seu departamento. En canto aos investimentos na área do Morrazo, Leal lembrou que no exercicio 2017 os concellos de Cangas, Bueu, Marín, Moaña e Vilaboa sumaron un total de 111.078, 23 euros. Concretamente, o concello de Bueu presentara un proxecto para a rehabilitación da Casa consistorial, Cangas presentara o acondicionamento do lavadoiro do Inxerto-San Pedro, Marín solicitara unha actuación para unha restauración no Castro de A Subidá, Moaña rehabilitou o lavadoiro da Porta do Sol, e Vilaboa solicitou a sinalización de diversos elementos patrimoniais do concello.

Deja un comentario