+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

FEIJÓO DESTACA A FIRME APOSTA DA XUNTA POR QUE GALICIA SIGA “Á VANGARDA” NO SECTOR DAS ENERXÍAS RENOVABLES


Lembra que “Galicia é a segunda comunidade autónoma en enerxías renovables de España”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na clausura en Silleda da II Feira da Enerxía de Galicia, a firme aposta da Xunta por que a comunidade galega siga estando “á vangarda” no sector enerxías renovables. “Galicia é a segunda comunidade autónoma en enerxías renovables de España”, lembrou.

Feijóo indicou que a comunidade está a cumprir xa todas as directrices da Unión Europea que se esixirán a partir de 2020 e mesmo está a cumprir en canto a consumo e produción da enerxía renovable “por riba dos parámetros que na Unión Europea se van esixir para o ano 2030”.

Nesta liña, Feijóo lembrou que o Consello da Xunta aprobou recentemente as Directrices Enerxéticas de Galicia que, cun investimento de 3.000 millóns de euros, permitirán a implantación de 1.300MW de enerxías renovables de aquí a 2020 e a creación de 12.000 postos de traballo.

Sobre este punto, precisou que a Xunta está executando 21 parques eólicos que teñen que estar instalados a finais de 2020 e vai seguir apostando tamén pola biomasa, promovendo o aproveitamento deste recurso forestal e a instalación de caldeiras en edificios como fai a propia Xunta no edificio administrativo de San Caetano e nos hospitais públicos.

Por outra banda, puxo en valor o proxectos do ecobarrio de Ourense, o primeiro que vai funcionar con enerxía xeotérmica en Europa e que conta cun investimento de 20 millóns de euros e supón a creación de 300 postos de traballo, e subliñou a participación da Xunta coa empresa galega Reganosa na creación dun gran hub de gas natural licuado, “porque entendemos que ese vai ser o combustible, xa non do futuro, senón do presente” para vehículos pesados, tanto de mercancías como de pasaxeiros, e dos barcos pesqueiros.

Segundo o titular do Goberno galego, “Galicia ten que ser sinónimo de enerxía renovable, enerxía renovable é sinónimo de innovación e innovación é sinónimo de futuro industrial”.

O responsable do Executivo autonómico quixo tamén resaltar o éxito da que, segundo asegurou, é “a maior feira de enerxía que tivemos nunca en Galicia” e na que participaron 255 empresas procedentes de 15 países. Alí coñecéronse as últimas novidades do sector enerxético en materia de eficiencia, mobilidade sustentable, equipamentos e instalacións, iluminación e servizos ou electrónica industrial, cun especial protagonismo para as enerxías renovables.

Deja un comentario