+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA DESTINA PRETO DE MEDIO MILLÓN DE EUROS DO PLAN CONCELLOS A OUTROS TRES CONCELLOS PARA A CONTRATACIÓN DE 57 PERSOAS


Cangas, A Cañiza e Mos son as vilas que se van beneficiar destas novas achegas da liña 3 do “Plan Concellos 2018”

O Plan pon este ano a disposición dos municipios 72 millóns de euros, 42 correspondentes ao Plan 2018 e 30 da liña 1 do Plan 2019, un 75% máis que o pasado ano

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este luns a oitava relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 3, para o fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, do “Plan Concellos 2018”. Así, Cangas, A Cañiza e Mos son as vilas que van recibir 466.047,47 euros para a contratación de 57 persoas.

Máis polo miúdo, ao concello de Cangas do Morrazo destínanse 249.717,58 euros para 31 postos de traballo relacionados coa administración, construción, albanelería, conserxería, xardinería, condución e para traballos forestais..

Á Cañiza, a Deputación de Pontevedra achega 122.361,75 euros para contratar a 18 persoas que ocuparán postos de traballo relacionados coa conserxería, construción, xardinería, condución, albanelería, pintura, fontanería, limpeza, e electricidade.

Por último, a Deputación de Pontevedra destinará a Mos 93.968,14 euros para contratar a 8 persoas que desempeñarán tarefas relacionadas coas obras públicas e xardinería.

Este ano, a liña 3 do Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, un 2,5% máis que no 2017. Con estas achegas aos concellos de Cangas, A Cañiza e Mos, xa está concedido o 79% da liña 3, beneficiando a 49 concellos da provincia e empregando a preto de 875 persoas.

Deja un comentario