+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

AREEIRO DEFENDE EN NANTES AS CANDIDATURAS DOS XARDÍNS DE QUINTEIRO DA CRUZ E DO PAZO DA SALETA A ‘XARDÍN DE EXCELENCIA INTERNACIONAL EN CAMELIA’


Coa concesión deste título a estas dúas candidaturas, Pontevedra convértese na única área xeográfica con catro Xardíns de Excelencia tan próximos entre si
A adxunta do xefe de servizo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Carmen Salinero, foi a encargada de defender as candidaturas dos xardíns do Pazo da Saleta e do Pazo Quinteiro da Cruz ao título de ‘Xardín de Excelencia Internacional en Camelia’. Coa aprobación destes dous novos xardíns, a provincia de Pontevedra é a única área xeográfica que conta con catro ‘Xardíns de Excelencia’ tan próximos entre si. Aos xardíns  distinguidos con este título, hai que sumarlle os xardíns que xa contaban co recoñecemento, o do Castelo de Soutomaior e o do Pazo de Rubianes.
A reunión na que se procedeu a outorgar estes títulos, tivo lugar a primeira hora desta tarde, no marco do Congreso Internacional da Camelia que esta semana se está celebrando na cidade francesa de Nantes. Neste Congreso están participando o xefe de servizo da EFA, Pedro Mansilla, a adxunta do xefe de servizo, Carmen Salinero, e a técnico Pilar Vela, cun total de seis comunicacións sobre proxectos de investigación en marcha relativos á camelia, tanto a nivel botánico como de usos produtivos. Así, estas comunicacións versan sobre os exemplares de camelia máis destacados da Galiza, sobre os primeiros ensaios de catequinas en plantas de C. sinensis en Galicia (para a obtención de té), os avances na loita contra o murchado das flores de camelia, as novas ameazas para o cultivo, a composición de ácidos graxos do aceite virxe de sementes de camelia extraído en frío, e sobre o xardín do Pazo da Saleta.
Ademais destas 6 comunicacións no Congreso, o persoal técnico de Areeiro participa en tres reunións de coordinación a nivel internacional. A primeira delas tivo lugar onte luns e versou sobre os avances na loita contra a ciborinia, o grave patóxeno que afecta á flor da camelia. Neste proxecto, no que actualmente están colaborando 5 países, están traballando varios investigadores e investigadoras da EFA desde o ano 2011. No último ano tamén se uniu á investigación a Universidade de Vigo.
Durante a mañá de hoxe, tivo lugar a xuntanza do Comité pola Conservación da Camellia Histórica, do que forma parte Areeiro desde os seus inicios, e que se ocupa de investigar, revisar e rexistrar os exemplares de camelia de máis de 100 anos que temos en diversos países de mundo. E xa a primeira hora desta tarde tivo lugar a xuntanza internacional de ‘Directores’ na que se decidiu a concesión dos títulos de ‘Xardín de Excelencia Internacional en Camelia’ ás candidaturas presentadas nesta edición.
Os Xardíns de Excelencia
Na reunión desta tarde, foron defendidas seis candidaturas, as dos dous xardíns galegos, un de China, un de Portugal, e dous do Reino Unido. Foron todas aprobadas, se ben algunha deu lugar a moito debate . Non foi o caso dos xardíns pontevedreses, que ademais de ser moi aplaudidos, non acadaron ningún voto en contra. Ademais da calidade de ambos xardíns, tamén destacou o enfoque da defensa e o nivel da documentación aportada, que incluía unha ampla e rigorosa explicación técnica de todos os requisitos esixidos, e que foi presentada tanto en soporte físico como virtual.
Os catro xardíns que contan co título de ‘Xardín de Excelencia’ pertencen á Ruta da Camelia de Galiza e forman parte do case medio cento de xardíns con esta distinción repartidos por países de todo o mundo. Entre os requisitos comúns que presentan podemos citar que os xardíns deben estar ben organizados e en propiedades estables, e deben abrir regularmente ao público. Aínda que non é preciso que estes xardíns consten só de camelias, si que se esixe que a camelia sexa unha especie predominante, que estea adecuadamente conservada, e que conte cunha colección mínima de 200 cultivares ou especies. Tamén se esixe un rexistro de todas as camelias e a súa ubicación, e que todos os cultivares dispoñan de etiquetas identificativas. No caso de que non se dispoña de suficiente información sobre un cultivar en concreto, debe facerse constar esta circunstancia. Tamén se valoran outras cuestións como a difusión de información de carácter cultural e dispoñer dunha versión actualizada do rexistro internacional da camelia con fins informativos.

Deja un comentario