+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

A CREACIÓN DE EMPREGO ESTARÁ BONIFICADA EN SALCEDA


 

O Concello de Salceda modificará as súas ordenanzas fiscais para adecuarse ás condicións do “Concello Doing Business”, co que se busca atraer novas empresas, investimentos e emprendedores e, en consecuencia, máis emprego, achegándolles: máis incentivos fiscais, menos papelame administrativo e unha oferta de solo industrial coas mellores condicións que se deron nunca en Galicia.
Deste xeito, o Concello de Salceda de Caselas ofrecerá ás empresas que vaian instalarse no seu territorio rebaixas de ata o 95% no Imposto de bens inmobles, o Imposto de actividades económicas e o Imposto sobre construcións, instalacións e obras.
“Estamos a falar de incentivos fiscais a cambio dun compromiso de creación de emprego por parte das empresas”, dixo Loli Castiñeira, Concelleira de Formación e Emprego, precisando que recibirán ata o 95% de bonificación cando o proxecto implique a creación de máis de 20 postos de traballo; de ata o 75%, cando supoña a contratación de entre 11 e 20 persoas; e como mínimo beneficiaranse dunha rebaixa do 50% nestes impostos se son ata 10 o número de empregos previstos.
A modificación das ordenanzas que dará cabida a estas rebaixas debatirase no Pleno Ordinario do mes de abril, para o cal a Concellaría de Facenda está a xa a traballar na proposta.
Con estas iniciativas o Concello espera poder obter beneficios importantes para fomentar a implantación de empresas. Entre outros, a concesión de subvencións destinadas a inversións e gastos nos campos industrial, do emprego e do empredemento, así como formar parte da marca territorial asociada á Oficina Doing Business.
Cabe lembrar que o Concello de Salceda mantén unha forte aposta polas políticas de emprego centralizadas no CDL do Torrón, dende o que se ofrecen numerosos servivoz a empresas e a persoas desempregadas.

Deja un comentario