+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

O CONCELLO ACOMETE CANALIZACIÓNS E MUROS EN CINCO PARROQUIAS PARA GARANTIR A SEGURIDADE POLAS CHOIVAS


Constrúense entubamentos e recollida de pluviais en A Bouza, Tomonde e nas vías San Martiño-Figueroa, Castro-Filgueira e Loureiro

O Concello de Cerdedo-Cotobade está acometendo nestas semanas diversas obras de canalización de augas pluviais e de construción ou reparación de muros de contención en pistas e puntos de ata cinco parroquias para garantir a seguridade viaria, residencial e peonil polas fortes choivas dos últimos meses e pola previsión de que as borrascas sigan afectando ao municipio nos vindeiros días. Estas actuacións pretenden evitar a escorrentía de augas polas estradas co conseguinte risco de accidentes e posibles derrubos de terra nos lugares máis afectados polo desnivel propio de gran parte do termo.

Así, acometéronse unhas canalizacións de pluviais coa correspondente construción de pasos en formigón no lugar de A Bouza (Viascón), nas estradas San Martiño-Figueroa (Figueroa), Castro- Filgueira (Castro) e no acceso de Loureiro (Figueroa). Así mesmo, procedeuse á creación dun entubamento para as augas de escorrentía coa dotación dunha rexiña en Tomonde.

Por outra banda, ergueuse un muro de contención de grandes dimensións en pedra de mampostería no punto máis alto do lugar de Xesteira (Almofrei) co obxectivo de apuntalar un camiño. Esta obra, de gran calado, foi visitada na xornada de onte polo presidente municipal, Jorge Cubela.

Finalmente, os traballos nesta área tamén chegaron ao lugar de Filgueira (Castro), onde se acometeu unha complexa reparación dun muro na fonte-mina de auga pública existente nesta contorna.

Cubela e o vicepresidente municipal, José Balseiros, explicaron que o concello concede unha gran importancia ás obras hidráulicas, tanto as referidas a garantir o abastecemento, que se plasmarán na vindeira construción de 14 depósitos, como “as necesarias para evitar os posibles efectos perversos da auga de escorrentía por mor das fortes choivas e que serven para dotar de maior seguridade aos nosos veciños na súa circulación por estrada ou nos quefaceres da súa vida diaria nas súas vivendas ou nas súas aldeas”.

Deja un comentario