+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

PONTE CALDELAS EXECUTARÁ DURANTE ESTE ANO UN INVESTIMENTO HISTÓRICO DE MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS


O saneamento das contas municipais e o apoio da Deputación provincial financiarán o Plan de Obras, equilibrado entre o centro urbano e o rural

O ano 2018 vai ser histórico en canto a investimento municipal en Ponte Caldelas. O Concello está a piques de licitar catro actuacións que integran o Plan de Obras 2018, cun importe total de case 1.100.000 euros. Un esforzo que se reparte case ao 50% entre o centro urbano e as parroquias do rural.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) destaca que este investimento sen precedentes é posible gracias ao intenso labor de saneamento da economía municipal realizado nos primeiros tres anos de mandato, no que a débeda baixou de 1 millón de euros a case medio millón. Ademais, o Plan de Obras 2018 conta co apoio financeiro da Deputación Provincial.
A principal obra vai ser o acondicionamento da praza de España, cun orzamento de 382.125 euros, maioritariamente achegados polo Plan de Reequilibrio da Deputación. Con esta obra eliminarase a illa central onde antigamente estaba a biblioteca municipal e reordenarase toda a zona para darlle un tratamento peonil, incluíndo un carril de continuación do espazo xa tratado na rúa de Marín. A parada de taxis queda encaixada na avenida de Vigo, rúa que tamén se acondiciona parcialmente como zona de convivencia entre peón e vehículos. As prazas de aparcamento se trasladan aos espazos inmediatos ao ámbito. O proxecto dá pé a unha nova praza de España máis diáfana, ordenada e cunha maior calidade urbanística, como espazo de encontro entre a veciñanza e que realza a Alameda.
Con cargo ao Plan Concellos da Deputación, o Concello acometerá simultaneamente a reordenación dos xardíns de Xerardo Carballal, que van ser substituídos por unha moderna fonte de chorros, con xogos de formas de auga e cor. O elemento servirá de enlace entre a nova praza de España e a Alameda, pechando así todo un novo núcleo urbano, agora desestruturado e sen idea de conxunto. A fonte de chorros estará presidida pola escultura da troita. O actual chafarís, cuxo vaso data de 2004 cando foi construído por unha escola-obradoiro, será restaurado para reparar as fugas detectadas, recolocado e posto en valor no centro dunha rotonda no gran espazo entre o parque infantil e o colexio Manuel Cordo Boullosa. Séntanse así as bases para gañar unha nova praza para Ponte Caldelas, toda vez que o Concello tamén planea reordenar o aparcamento dos autobuses escolares para situalo no Camiño do Valdarrosa (subida ao instituto). O orzamento de licitación deste conxunto de obras será de 287.876 euros.
Por outra banda, tamén con cargo ao Plan Concellos e a fondos propios acometeranse dous paquetes de asfaltados e formigonados de camiños rurais valorados en 311.454 e 98.603 euros, respectivamente. As obras chegarán a máis dunha vintena de lugares do municipio, nunha das maiores operacións de mellora dos viais municipais acometidas ata a data. O primeiro paquete sae agora a licitación, incluído no Plan Concellos da Deputación, e o segundo realizarase na convocatoria do próximo mes de novembro, que adiantará os fondos deste plan para o ano 2019.
O repaso ás pistas municipais do rural será profundo, dado que está previsto asfaltar ou formigonar camiños en Silvoso de Arriba (2), Silvoso de Abaixo (2), Baltar, Coveliño (2), Forzáns de Arriba, Forzáns de Abaixo, Coto (Caritel), Laxoso de Abaixo (2), O Lombo e Avecil (Cuñas), Santa Ana (Buchabade), Taboadelo (2), Rebordelo, Esfarrapada, O Sobreiro (Xustáns), Pazos (2) e Tourón.
Por outra banda, o Concello mantén o compromiso de acometer outras obras xa en marcha, non incluídas nestas licitacións entre as que cabe destacar o cambio do tapete de herba sintética do campo de fútbol de Chan da Barcia, a segunda fase da ampliación do camiño central de Tourón ou a construción da nova Casa da Cultura, tamén en Tourón.
O alcalde, Andrés Díaz, afirma que o Goberno local está comprometido na modernización urbanística de Ponte Caldelas, sen perder un só dos seus valores tradicionais, pero tamén quere mellorar as condicións de vida dos veciños do rural, repartindo así os investimentos dun xeito equilibrado. “Hai que tirar do urbano, para que sexa unha referencia cada vez máis potente para toda a veciñanza de toda a bisbarra, pero tamén queremos lanzar a mensaxe de que os pobos importan”.
Díaz recalca que a práctica totalidade das obras estarán rematadas ao longo deste ano e son posibles gracias á política de austeridade e consolidación económica, o que permitiu que Ponte Caldelas goce hoxe dunha posición financeira que era impensable hai só tres anos. O alcalde conclúe que ao remate do mandato, en xuño de 2019, a débeda municipal estará preto dos 600.000 euros, un 40% por debaixo da recibida.

Deja un comentario