+034 986 09 02 04 Sábado 26 de Setembro de 2020

O SERVIZO DE MOBILIDADE DA DEPUTACIÓN INICIARÁ AS OBRAS DE MELLORA DA CONTORNA DA SEDE DE COGAMI EN MOS TAN PRONTO COMO A CLIMATOLOXÍA O PERMITA


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o proxecto foi adxudicado a Construcciones Vale SL por 59.678,28 euros
Ampliarase a beirarrúa existente e construirase outro treito novo de 2,5 metros de largo para garantir a accesibilidade
O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará de xeito inminente, tan pronto como a climatoloxía o permita, as obras de mellora da contorna da sede de Cogami en Mos. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez confirmou hoxe que a execución do proxecto foi adxudicada á empresa Construcciones Vale SL por 59.678,28 euros, reducindo considerablemente o prezo de saída, que ascendía a 82.771,54 euros.
Segundo explica Benítez, a Deputación pretende mellorar a contorna do centro para fomentar a mobilidade peonil e a accesibilidade nun treito da estrada provincial EP-2605 Rebullón – CUVI cercano ao centro de Gogami. Este proxecto consiste na creación dun itinerario de 300 metros que conectará o centro de recursos cunha parada de autobús que tamén dá servizo ao Centro de Saúde de Mos, ao Centro Cultural As Pedriñas e a áreas de ocio e zonas verdes de titularidade da comunidade de montes.
No tramo citado, a estrada provincial conta na actualidade cunha beirarrúa na marxe dereita, mais o largo non é constante tendo, en xeral, un espazo inferior a 1,80 metros, que é o mínimo esixido pola normativa de accesibilidade. Ademais, nos tramos mais estreitos está deteriorada e invadida pola vexetación.

O proxecto ten dous obxectivos claramente definidos, por unha banda a mellora da permeabilidade peonil na zona e por outra o calmado do tráfico para conseguir unhas condicións óptimas de seguridade para tódolos usuarios da vía. A principal actuación proposta é a execución dun novo tramo de beirarrúa en formigón que continuará a existente, para permitir a conexión peonil cos equipamentos de lecer situados arredor do punto quilométrico 0+300, que comprenden zonas verdes, zonas de merenda e un campo deportivo. Acompañando a este novo treito de beirarrúa proponse a reparación e ancheamento da beirarrúa existente ata un largo mínimo de dous metros e medio, a execución dun paso peonil sobreelevado (PPS), un redutor físico de velocidade de vehículos (RFVV) e por último a ampliación da beiravía da estrada provincial dende o PQ 0+000 ata o PQ 0+120.

Os primeiros traballos a realizar serán a roza e limpeza da zonas de construción. Levarase a cabo a demolición dun pequeno tramo de beirarrúa existente de aproximadamente cinco metros de lonxitude situada na entrada ao aparcadoiro do centro de saúde de Mos, e será necesario ademais o corte e demolición do firme para a correcta execución da beirarrúa na súa unión coa calzada e mais para o pavimentado da beiravía.

Un dos elementos nos que se terá máis coidado na execución será nos puntos onde se sitúen os pasos peonís, onde a cota do firme da calzada e da beirarrúa serán perfectamente coincidentes. Para tal fin, evitarase a realización de pendentes puntuais na senda peonil, debendo quedar arrasada co firme da calzada de xeito gradual.

Por outra parte, os novos servizos que se colocaran nesta actuación son os relacionados co drenaxe das pluviais, coa instalación de dúas liñas de recollida. Unha delas conectará co colector da rede existente, mentres que a outra continuará mediante a cuneta en terra existente.

Deja un comentario