+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

16 EMPRESAS COMPITEN PARA FACER AS OBRAS DA DEPUTACIÓN NA RÚA JOSÉ DEL RÍO EN MARÍN


O responsable de Mobilidade Uxío Benítez explica que se a climatoloxía o permite a rúa estará reformada no outono

Dezaseis empresas veñen de presentar as súas ofertas ante a Deputación para facer as obras que o departamento provincial de Mobilidade vai executar para mellorar a rúa José del Río no municipio de Marín. Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, os técnicos provinciais están a realizar os informes de valoración para poder escoller tanto o mellor programa de traballo como a oferta económica máis vantaxosa. No mes de abril a mesa de contratación realizará a súa proposta de adxudicación, que será elevada á Xunta de Goberno para despois formalizar o contrato e realizar a acta de replantexamento do proxecto.

Agárdase que as obras poidan comezar a mediados da primavera para estar rematadas como moi tarde en outono –o prazo de execución é de tres meses-, segundo dixo Benítez, quen lembrou que o orzamento de licitación dos traballos ascende a 240.584 euros. A reforma de José del Río vai ser unha realidade grazas ao convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Marín que establece a obra será financiada con fondos provinciais integramente, dos que a Deputación aporta directamente 120.548 euros o 51%) e o Concello de Marín outros 120.000 obtidos do PPOS-15 da institución provincial (o 49%).

Segundo explicou en varias ocasións o deputado nacionalista o proxecto para José del Río tivo que ser reformado para adaptarse aos novos criterios provinciais: as novas beirarrúas terán 2,5 metros de largo e construirase unha pasarela peonil para dar continuidade á beirarrúa esquerda sobre o río. Así mesmo, renovarase o saneamento para evitar verquidos no colector do río Lameira e reconstruiranse as acometidas das vivendas conectadas á rede actual, cunha rede nova de abastecemento de auga cun ramal por cada lado da rúa. Instalaranse luminarias eficientes para completar a calidade da urbanización, e haberá axardinamento con árbores liquidámbar colocados cada dúas prazas de aparcamento.

Deja un comentario