+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

AUGASANTAS REMATA OUTRA FASE DA SÚA HUMANIZACIÓN COA REMODELACIÓN DAS BEIRARRÚAS PRÓXIMAS Á ALAMEDA


Renovouse a beirarrúa anexa ao muro da alameda mudando as plaquetas hidráulicas, que estaban deterioradas, por pedra granítica

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar unha nova fase do proxecto de humanización da parroquia de Augasantas coa conclusión da remodelación das beirarrúas situadas no lateral anexo á alameda. Por mor desta nova actuación, o presidente municipal, Jorge Cubela, desprazouse onte ata a parroquia e visitou o novo paseo, que se executou nas últimas catro semanas.

Esta actuación, na que a Consellería de Infraestruturas investíu máis de 15.000 euros, foi solicitada por Cubela á titular autonómica, Ethel Vázquez, a finais de xaneiro xa que a consellería é a titular da estrada PO-233, pola que discorre este paseo peonil.

A obra consistiu na renovación das beirarrúas da marxe anexa áo muro da alameda, mudando as anteriores plaquetas hidráulicas, moitas das cales se atopaban deterioradas, por lousas de pedra granítica con cinco centímetros de grosor e un bordo do mesmo material. O prazo de execución destas tarefas cumpriuse e permite que os veciños e os moitos visitantes desta parroquia na Semana Santa xa gocen da nova instalación.

O presidente municipal, que explicou que esta actuación foi demandada polos veciños e inmediatamente trasladóulla á conselleira cunha total receptividade, quixo agradecer a súa celeridade para xestionala dun xeito favorable.

Cubela tamén quixo destacar a importancia desta obra, “xa que vai favorecer o tránsito dos peóns ao tempo que vai embelecer aínda máis unha zona na que estamos apostando pola humanización na alameda, o muro de pedra ou a Casa do Pobo e polas comunicacións coa mellora da estrada PO-234 desde comezos de ano”.

Deja un comentario