+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

PONTE CALDELAS ESTREA ESTE ANO O SEU ABRIL TERMAL CON CATRO SAÍDAS AO BALNEARIO DE CUNTIS


O prazo de inscrición para participar neste programa, totalmente adaptado ás demandas da veciñanza caldelá, comeza o luns

O Concello de Ponte Caldelas pon en marcha, por primeira vez, o seu Abril Termal, un programa completamente adaptado ás necesidades da veciñanza de Ponte Caldelas e concibido para minimizar os inconvintes do desprazamento e tirar así o máximo partido da estancia nas Termas de Cuntis.
O programa, que xurde das peticións dos usuarios habituais doutros programas termais, bota así a andar este mes, cubrindo todas as tardes de xoves. O prazo para inscribirse comeza este mesmo luns, polo que as persoas interesadas deben pasarse canto antes polas oficinas do Concello, dado que hai prazas limitadas.
O Abril Termal chega tamén cun prezo moi competitivo de só 56 euros (14 euros por cada xoves), froito das xestións do Concello con Termas de Cuntis. Ademais, inclúe transporte completamente gratuíto, polo que os usuarios/as só terán que aboar a tarifa de grupo do balneario. Para participar tan só é necesario estar empadroado/a en Ponte Caldelas e ter cumpridos os 55 anos.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) quere minimizar así os inconvintes do desprazamento que se estaban a producir os últimos anos noutros programas termais, incluíndo longos desprazamentos por varios concellos da bisbarra para completar os autobuses, o que repercutía nunha merma do tempo efectivo no balneario.
O transporte do Abril Termal sairá de Ponte Caldelas e irá directo a Cuntis, garantindo dúas horas efectivas de estancia. Tan só no caso de que haxa moitas persoas apuntadas nalgunha parroquia incluirase un desvío para recollelas.
O alcalde, Andrés Díaz, subliña que trátase dunha actividade moi demandada pola veciñanza, especialmente as persoas de maior idade e o Concello quere ser sensible coas súas necesidades proporcionándolles esta alternativa na que o lecer e a saúde van da man.

Deja un comentario