+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

AS OBRAS PARA CONSTRUÍR A NOVA GLORIETA DE A COSTEIRA EN PORRIÑO, PENDENTES DA CHUVIA


 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a actuación de mellora da intersección, adxudicada por 132.719,68 euros, comezará tan pronto a climatoloxía o permita

As obras do departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra para construír a nova glorieta de ordenación do tráfico no cruce da intersección da estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño con dúas vías municipais no lugar de A Costeira, en O Porriño, comenzarán tan pronto a climatoloxía o permita. Así o manifestou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, quen explicou que a Deputación xa adxudicou a obra á empresa Construcciones Vale SL, xa está asinado o contrato e feita a acta de replantexamento, polo que agora “só é preciso que deixe de chover para poder iniciar os traballos”.

O orzamento global da actuación era de 220.336,36 euros, sendo 21.534 euros destinados a expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo menor: 132.719,68 euros.

Os traballos consistirán na instalación dunha nova glorieta para reordenar o tráfico, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra dos vehículos. Será necesario ocupar dúas parcelas privadas e unha municipal, e veranse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se inclúe no orzamento do proxecto.

Urbanizarase a zona con novas beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito novas luminarias tipo led que garantirán a correcta visibilidade na intersección.

Deja un comentario