+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A TELEASISTENCIA DOMICILIARIA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ASISTIU NO 2017 A MÁIS DE 500 PERSOAS DE 46 CONCELLOS, CASE UN 20% MÁIS QUE O ANO ANTERIOR


O Servizo da institución provincial atendeu preto de 5.000 alarmas sendo o concello de Tomiño o que rexistrou maior número de chamadas

O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra asistiu ao longo de 2017 a 519 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, o que supuxo un incremento de case o 20% con respecto á actividade do ano anterior. Amais, atendeu preto de 5.000 alarmas e realizáronse máis de 400 visitas aos domicilios.

A través deste servizo de teleasistencia préstase apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, presta seguimentos permanentes dende o centro de atención mediante chamadas telefónicas periódicas, e xestiona axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.

Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles.

O servizo de teleasistencia da Deputación de Pontevedra préstase actualmente en 46 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. No ano 2017, houbo 519 terminais instalados en fogares destes concellos, 83 máis dos que había en 2016.

Ao longo do 2017 atendéronse un total de 4.735 alarmas (cun tempo medio de atención de 10,6 segundos e de resolución de incidencias foi de 1 minuto e 28 segundos) desde os terminais. Por número de chamadas destacan os usuarios dos concellos de Tomiño, con 358; O Porriño, con 327; Mos, con 299; O Grove, con 258 e Sanxenxo, con 232 chamadas.

En canto á atención, durante o ano 2017, houbo 441 visitas de seguimento e coordinación, incluíndo as visitas por incidencia técnica. Amais, ao longo do ano, organizáronse dous tipos diferentes de actividades, unhas, lúdicas, dirixidas as persoas usuarias do servizo de teleasistencia, que se realizaron nos concellos de Mos, Bueu e Cambados, e, outras, actividades de difusión que tiveron lugar nos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Pazos de Borbén, Cuntis, Barro, Cambados, Salceda de Caselas, Valga, Meis, Ribadumia, Forcarei e Sanxenxo.

Actualmente, a empresa que xestiona o servizo de teleasistencia domiciliaria é “Quavitae Servicios Asistenciales”, que no procedemento aberto presentou como principais novidades respecto a anos anteriores o servizo de acompañamento médico e a xestións, o servizo de pedicura e podoloxía e o servizo de peiteado. Para este 2018, outra das novidades do servizo é o Curso de Xestión de Chamadas de Teleasistencia, levado a cabo o Servizo de Promoción de Emprego en colaboración co servizo de Cohesión Social e Xuventude. Este curso, de 328 horas, comezou este mes de marzo e alongarase ata o mes de xuño.

Deja un comentario