+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

O CONCELLO INCLÚE UNHA PRIMAVERA TEATRAL POLAS LETRAS GALEGAS NO PROGRAMA CULTURAL DE ABRIL E MAIO


Xulio Abonxo, Isabel Risco, Tito Rober ou Candido Pazó actuarán no concello

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de pechar o seu programa cultural dos meses de abril e maio, que arrancará xusto despois de Semana Santa, e no mesmo inclúese unha Primavera Teatral por mor das Letras Galegas. Así, haberá un total de doce actuacións moi variadas con teatro infantil e de adultos, monólogos, narración oral, contacontos, cine e festivais musicais.

A completa programación, que mantén o seu formato habitual e vese reforzada pola Primavera Teatral, permtirá que actores, actrices e artistas de primeiro nivel do panorama galego, como Xulio Abonxo, Isabel Risco, Tito Rober ou Candido Pazó, entre outros, pasen ao longo das vindeiras semanas polo municipio. Todas as actuacións teñen entrada de balde e están pensadas para un público familiar, desenvolvéndose entre os días 7 de abril e 27 de maio na sala multiusos do IES de Cotobade, na parroquia de Tenorio, e no Centro Cultural de Cerdedo.

O cronograma dos espectáculos programados é o seguinte:

Espectáculo Xénero Día Hora Lugar
Departamento de selección Teatro Sábado 7 de abril 20.00 C.C. Cerdedo
A casiña de acollida Contacontos Sábado 14 de abril 19.30 C.C. Cerdedo
Tadeo Jones 2 Cine Sábado 21 de abril 19.30 C.C. Cerdedo
A biblioteca segreda Narración oral Domingo 22 de abril 18.00 IES Cotobade
III Festival de Bandas Música Sábado 28 de abril 18.30 C.C. Cerdedo
Estás aí? Teatro Domingo 29 de abril 18.00 IES Cotobade
A nena que quería navegar Teatro Domingo 6 de maio 18.00 IES Cotobade
Tito Rober Monólogo Domingo 13 de maio 18.00 IES Cotobade
Escola infantil e xuvenil Teatro Domingo 13 de maio – C.C. Cerdedo
Cándido Pazó Contacontos Xoves 17 de maio 18.00 IES Cotobade
V Festival Tradicional Música Sábado 19 de maio – C.C. Cerdedo
Pum Pum Teatro Domingo 27 de maio – C.C. Cerdedo

As actividades no territorio de Cotobade arrancarán o 22 de abril co espectáculo de narración oral “A biblioteca segreda” a cargo de Marisa Irimia e terán continuidade, para pechar o mes, o día 29 coa comedia “Estas aí?”, na que participan Xulio Abonxo, moi habitual en series da TVG e que forma parte do elenco de “Fariña”, e Isabel Risco, gañadora do Premio Mestre Mateo no ano
2013. Xa no mes de maio, o día 6 representarase a peza de teatro infantil contra o acoso “A nena que quería navegar”, que inclúe música en vivo, e unha semana máis tarde apostarase polo divertimento cun monólogo de Tito Rober. Finalmente, e fóra dos pases dominicais, o xoves 17 de maio, festividade das Letras Galegas, haberá un espectáculo especial co contacontos “Contos que veñen e van” da man do polifacético Cándido Pazó.

No caso de Cerdedo, a programación comezará o 7 de abril coa peza “Departamento de selección”, da compañía Disfunción Continua, e continuará os dous sábados seguintes co contacontos infantil “A casiña de acollida” e coa proxección da película “Tadeo Jones 2”. Para rematar o mes terá lugar a terceira edición do Festival de Bandas de Música cunha homenaxe ás antigas formacións do municipio de Cerdedo. Chegado maio, os grupos infantil e xuvenil da Escola de Teatro actuarán o día 13, celebrarase o V Festival de Música Tradicional o sábado 19 organizado pola Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo e completarase a programación coa peza “Pum Pum” da compañía Baobab Teatro o domingo 27.

Deja un comentario