+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018

O CONCELLO SEGUE CO SEU PLAN DE VÍAS CO ENSANCHAMENTO, FORMIGONADO E MELLORA DA PISTA INTERNA DE MEILIDE


A obra completouse co acondicionamento de beiravías e a dotación de canalizacións e arquetas para a recollida de augas pluviais

O Concello de Cerdedo-Cotobade segue a traballar intensamente no seu Plan de Vías e Infraestruturas e, no marco do mesmo, vén practicamente de rematar unha completa actuación na pista interna do lugar de Meilide, na parroquia de Cerdedo, que incluíu o seu ensanchamento, renovación do firme e actuacións de seguridade.

Esta actuación comezou polo ensanchamento do vial, xa que nalgúns puntos había dificultades para o tránsito simultáneo de vehículos, polo que se procedeu a duplicar a súa superficie. Así mesmo, dotouse á capa de rodadura dun novo formigonado, sobre todo nas zonas ensanchadas, e acometeuse o acondicionamento e o perfilado das beiravías. Tamén se instalaron novas canalizacións e arquetas para a recollida de augas pluviais co obxectivo de que a escorrentía deixe de afectar ao vial.

Por último, un dos principais traballos realizados nesta actuación consistíu na reparación do muro de pedra que exerce de sostén da pista, co que se acada o obxectivo de reforzar a seguridade e minimizar o risco de accidentes. Agora só resta un pequeno detalle para rematar a obra, consistente na colocación do valado de protección do muro de contención, que se acometerá nos vindeiros días.

O vicepresidente municipal, José Balseiros, quixo destacar a importancia desta nova actuación, “xa que favorece a mobilidade dos veciños cunha pista en mellor estado e ademais cun impulso das condicións de seguridade”. O munícipe tamén subliñou que o Concello, a través dos investimentos contratados e das tarefas da brigada municipal de Obras, está a imprimir “un ritmo de actuacións moi forte que mellora todas as infraestruturas e servizos públicos en beneficio da calidade de vida da xente”.

Deja un comentario