+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

ESGOTADAS EN MENOS DUN MINUTO AS PRAZAS DA PRIMEIRA ‘VISITA CRUZADA’


Sés e Xurxo Souto serán os guías de excepción o vindeiro domingo, na primeira da xornadas que se organizan durante o mes de abril
O gabinete didáctico do Museo leva toda a xornada contestando mails e chamadas ante a avalancha de solicitudes que están a recibir
Tras abrirse o prazo de inscrición esta mañá ás 8:00 horas, en menos dun minuto esgotáronse as 50 prazas para participar na primeira das “Visitas Cruzadas”, que este ano se celebra durante os domingos do mes de abril. Trátase da segunda edición deste programa especialmente deseñado para dar a coñecer as coleccións do Edificio Sarmiento e do Sexto dun xeito diferente ao habitual e da man de diversos persoeiros do eido cultural galego, que actuarán como guías de excepción. O vindeiro domingo as persoas que exercerán de guías serán Sés (Mª Xosé Silvar) e Xurxo Souto.
O gabinete didáctico do Museo leva ademais toda a xornada contestando a auténtica avalancha de solicitudes que se recibiron por correo electrónico e as chamadas telefónicas de moitas das persoas sorprendidas por non teren praza a pesares de enviar un correo electrónico ás 8:02 minutos. “Esta altísima demanda non só consolida as Visitas Cruzadas como un programa necesario e eficiente para gozar do Museo de xeito participativo e diferente, senón que ademais nos reafirma na importancia de deseñar accións creativas e innovadoras que acheguen público aos espazos museísticos tradicionais” asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, unha vez coñecidos os datos de solicitudes. O deputado nacionalista salienta ademais que “esta demanda dá mostra do importantísimo efecto chamada do traballo dos e das artistas galegas, mesmo fóra das súas canles profesionais habituais”.
Hai que lembrar que cada luns, a partires das 8:00 horas, se abre o prazo para anotarse para a visita do domingo desa mesma semana. As 50 primeiras inscricións realizadas por estrita orde de entrada dos correos serán as participantes desa semana. As inscricións deben realizarse exclusivamente vía correo electrónico no enderezo do gabinete didáctico: gabinetedidactico.museo@depo.es. Poden participar persoas de 14 anos en adiante, e en cada correo electrónico poderán inscribirse un máximo de 4 participantes.

 

Cada Visita Cruzada inclúe dous itinerarios diferentes de 30 minutos de duración, e cada un deles correspondente a unha das persoas que exercen de ‘guía ocasional’. Cada unha destas dúas persoas comeza o seu itinerario guiando a un grupo de 25 participantes e ao cabo da media hora, os participantes de cada grupo cambian de guía. (E a persoa guía volve facer o itinerario co seguinte grupo). Ao final da segunda media hora, ambos grupos e ambas persoas guía re-encóntranse na planta superior do Sexto, zona terraza, onde se servirá un petisco de cortesía que funcionará como espazo de intercambio de opinións de xeito distendido. O horario destas visitas será de 12h a 13:30h.
O domingo 8 de abril a música será a protagonista a través dos guías Sés (Mª Xosé Silvar) e Xurxo Souto. O ciclo continúa o domingo 15 coa actriz e cantante Iria Pinheiro e o editor de Urco Editora, David Cortizo; o domingo 22 coa actriz e comunicadora Nieves Rodríguez e o escritor, editor e director de Galaxia, Francisco Castro; e rematará o domingo 29 con cinema con Margarita Ledo e Xacio Baño.

Deja un comentario