+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

ROMÁN RODRÍGUEZ ANUNCIA PARA XUÑO O FIN DAS OBRAS DO NOVO IES DE SOUTOMAIOR


O novo centro permitirá dar resposta á necesidade prazas de escolarización do concello e desconxestionar o CPI Manuel Padín Truiteiro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou hoxe a evolución das obras de construción do novo IES de Soutomaior, un edificio que –según anunciou- estará rematado en xuño deste mesmo ano. “Deste xeito –dixo- o novo centro poderá entrar en funcionamento o vindeiro curso 2018/19”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, que estivo acompañado polo alcalde do Concello de Soutomaior, Agustín Reguera, e polo delegado territorial do Goberno autonómico en Vigo, Ignacio López-Chaves; salientou a importancia deste investimento, que supera os 5,3 millóns de euros. Non en balde, a nova infraestrutura será o primeiro IES co que conte esta localidade pontevedresa. “Con esta actuación, polo tanto, damos resposta ás crecentes demandas de escolarización deste concello, ao tempo que contribuímos a desconxestionar o CPI Manuel Padín Truiteiro”, explicou o conselleiro.

Neste sentido Román Rodríguez lembrou que o seu departamento está a facer as obras de maior envergadura naquelas zonas con máis natalidade e, polo tanto, máis necesidade de prazas escolares, contribuíndo á fixación da poboación; no marco do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, que conta cun orzamento global de 118,5 millóns de euros.

As obras, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020; supuxeron un importante traballo inicial de movemento de terras para adecuar a parcela ás necesidades do centro educativo, que ten unha superficie escalonada, co fin de adaptarse ao terreo cunha solución arquitectónica que optimice ao máximo a construción

O IES, que contará con 480 prazas divididas en 12 unidades de ESO e 4 de bacharelato, estruturouse en tres andares. No -1 situáronse os servizos comúns, como o ximnasio ou a cafetería, mentres que a planta 0 está destinada ás oficinas administrativas, a biblioteca e á área docente de secundaria. Pola súa parte, a planta 1 acolle os seminarios e o resto das aulas.

No seu interior o centro alberga 16 aulas polivalentes, 3 aulas de desdobre e 2 de apoio educativo, aula taller de tecnoloxía, aula de música, aula de informática, aula de plástica, biblioteca, 4 seminarios, 3 laboratorios, ximnasio, vestiarios e aseos, así como zona de administración con despacho de dirección, xefatura de estudios e secretaria, sala de profesores, despacho de orientación, sala de ANPAS e sala conserxería. Ademais, conta con zonas de servizos comúns como cafetería, sala polivalente así como cuartos de instalacións e de lixo.

Deja un comentario