+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

MONDARIZ PON EN MARCHA O PLAN MUNICIPAL DE FORMACIÓN 2018


O Plan ofrece seis cursos, tres deles gratuítos, e un específicamente dirixido a impulsar o emprego feminino

O Concello de Mondariz vén de anunciar a posta en marcha do Plan Municipal de Formación 2018, unha iniciativa formada por un total de 6 accións, tres delas gratuítas, que mellorar a capacitación dos veciños e veciñas en distintos ámbitos de alta demanda no mercado laboral.
Este ano, amais, o Plan de Formación aposta por poñer en marcha diversas medidas que fomenten o emprego feminino e desenvolverá un programa, totalmente gratuíto, de Impulso ao Emprego Feminino, dirixido só a mulleres en situación de desemprego.
Operario/a de liña de produción en automoción
Este curso, o máis inmediato no tempo e dirixido exclusivamente a persoas en situación de desemprego, desenvolverase entre o 16 e 27 de abril, impartindo un total de 40 horas teóricas máis prácticas non laborais en empresa.
O prazo de inscrición está aberto ata o 10 de abril, e a entrevista de preselección terá lugar o 11 de abril. Unha vez pasada a preselección, os participantes terán os días 12 e 13 de abril para facer o pago da matrícula que é de 40 euros.
As clases terán lugar de luns a venres de 9:30 horas a 13:30 horas.
Xardinería
Este curso, cun prezo de 25 euros para persoas en situación de desemprego e 40 euros para traballadores e traballadoras en activo, impartirase entre os días 2 de maio e 25 de maio, os luns, mércores e venres, de 9:30 h a 12:30 horas. Consta dun total de 30 horas teóricas máis prácticas.
A inscrición que se abría o día 2 de abril, estará aberta ata o 26 de abril, debéndose facer efectivo o pago da matrícula os días 27 e 30 de abril.
Manipulador/a de carretilla elevadora
Este curso, cunha alta demanda no mercado laboral, terá lugar os días 28, 29 e 30 de maio en horario de mañá e tarde.
Consta dun total de 20 horas lectivas distribuídas en 4 horas teóricas, 8 horas de prácticas e 8 horas a distancia.
O custe desta actividade formativa, é de 30 euros para as persoas desempregadas e de 45 euros para os traballadores e traballadoras en activo. A inscrición, que se abrirá o vindeiro 23 de abril, estará aberta ata o 22 de maio. O pago da matrícula deberá facerse efectivo entre o 22 e 23 de maio.
PROGRAMAS GRATUÍTOS
Curso gratuíto de “Cociña en Miniatura”: tapas, aperitivos e pinchos fríos
Esta actividade, que se desenvolverá de xeito totalmente gratuíto entre o 6 de xuño e o 21 de xuño, contará con 30 horas lectivas (teoría e práctica) e impartirase os mércores, xoves e venres entre as 9:30 horas e as 13:30 horas. A inscrición estará aberta entre os días 2 de maio e 31 de maio.
Curso de manipulador/a de alimentos e alérxenos
Terá lugar o día 1 de xuño de 10 horas a 13 horas, sumando un total de 3 horas lectivas. A inscrición poderá formalizarse entre o 2 de maio e o 30 de maio.
Impulso ao emprego feminino
Esta iniciativa, dirixida exclusivamente ás mulleres desempregadas, impartirase entre os días 3 de maio e 24 de maio, os martes e xoves de 9:30 horas a 13:30 horas. A inscrición poderá formalizarse entre os días 2 de abril e 27 de abril.
As persoas interesadas en participar en calquera destas accións formativas, pode solicitar máis información ou mesmo inscribirse, na OMIX de Mondariz, chamando ao teléfono 986 664 306 ou no enderezo de correo electrónico omix@concellodemondariz.com
O Plan de Formación busca, tal e como sinalaba o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, “mellorar a empregabilidade de veciños e veciñas a través da adquisición de coñecementos que lles permitan entrar, con garantías, nun mercado laboral cada vez máis competitivo”.
Dentro das limitadas competencias que os Concellos teñen en materia de traballo, explica o alcalde “estas actividades formativas son a mellor forma na que podemos axudar aos nosos veciños e veciñas en situación de desemprego”.
Doutra banda, remata o alcalde de Mondariz, “o Goberno local dedicará unha especial atención a empregabilidade das mulleres, un dos sectores máis desfavorecidos laboralmente, para que poidan competir, en igualdade de condicións, á hora de atopar un traballo digno”.

Deja un comentario