+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

FEIJÓO AFIRMA QUE COA EDAR DE VIGO GALICIA DÁ “UN PASO DE XIGANTE” PARA O FUTURO DA CIDADE E O SANEAMENTO INTEGRAL DAS RÍAS


Resalta que esta depuradora, xunto á mellora da depuradora de Teis e ás obras na enseada de San Simón, permitirán culminar o sistema de saneamento desta ría

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que coa posta en funcionamento da Edar de Vigo Galicia dá “un paso de xigante” para o futuro da cidade e o saneamento integral das rías galegas. “A depuración das augas e o saneamento é un compromiso integral de todas as administracións públicas e esta depuradora é un paso de xigante para cambiar realmente Vigo, para que a primeira cidade de Galicia teña a primeira depuradora de Europa e para cumprir cos traballadores do mar o compromiso que tiñamos con eles asumido hai anos”, abundou.

Durante a inauguración da nova Edar xunto á ministra Isabel García Tejerina, o titular do Executivo autonómico resaltou que o compromiso da Xunta co saneamento desta ría seguirá coa mellora da depuradora de Teis e coas obras na enseada de San Simón, que se levarán a cabo nos vindeiros anos.

En relación á nova Edar, a maior infraestrutura hidráulica da historia de Galicia cun investimento de case 210 millóns de euros, Feijóo aseverou que esta obra nace produto da colaboración entre as tres administracións e se trata dun novo exemplo do esforzo investidor na cidade olívica. Non en van, o investimento da Xunta, que ascende ao 43,5% do total, supón o maior feito nunca polo Goberno autonómico nunha infraestrutura destas características.

 

Máis polo miúdo, explicou que a nova depuradora implica, ademais da ampliación e modernización da Edar que xa existía e que quedara insuficiente, a construción dun novo emisario submarino. “Con esta grande infraestrutura, as necesidades de depuración da cidade de Vigo quedan cubertas para o vindeiro cuarto de século”, sentenciou, precisando que esta obra ten capacidade para tratar a auga de 800.000 habitantes.

“Demostramos, pois, que tanto a Xunta como o Goberno central cumprimos coa depuración de Vigo” incidiu, trasladando a petición de que en canto o Concello asuma a súa xestión garanta o correcto funcionamento desta depuradora “así como doutro gran piar hidráulico desta cidade, que é a potabilizadora, un asunto que preocupa e no que todos coincidiremos en que debe estar en perfecto funcionamento”.

Feijóo concluíu resaltando a aposta do Goberno galego pola primeira cidade de Galicia reflectido en infraestruturas como a nova Cidade da Xustiza; a estación intermodal; o Hospital público Álvaro Cunqueiro; o futuro Campus do Mar; a ampliación do Ifevi; a Autovía do Morrazo; a ampliación da ponte de Rande; ou o anuncio da construción do treito da Autovía das Rías Baixas entre O Porriño e Vigo, cun investimento estimado de 337 millóns de euros.

Deja un comentario