+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

O ALCALDE DE BUEU REÚNESE ESTE XOVES COA VECIÑANZA NA AULA DE AGRELO PARA FALAR DA PISCINA E DO PXOM


O encontro, que forma parte das reunións mensuais polos diversos lugares da vila, será ás 20.00 horas
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o equipo de goberno local continuarán este xoves, 5 de abril, coas reunións veciñais, desta volta na Aula de Interpretación de Agrelo, onde falarán e aclararán dúbidas a respecto dos dous grandes proxectos para a vila: o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e a piscina municipal. O encontro será a partir das 20.00 horas e vai dirixido a toda a veciñanza de Loureiro, Agrelo – Portomaior e a parte baixa de Cela.
Tras a xa celebrada fai dúas semanas en Meiro, o goberno continúa agora con esta reunión co fin de facilitar información estes dous temas de grande interese cidadán.
As xuntanzas, que se celebrarán todos os xoves á mesma hora, continuarán o 12 de abril, na Casa do Pobo de Beluso, o 19, na Escola Unitaria de Cabalo, o 26, no Centro Sociocultural de Cela, o 3 de maio, no auditorio do IES Johán Carballeira, e culminarán o 10 de maio no Centro Social do Mar de Bueu.
Dous proxectos vitais para Bueu
O PXOM entrou en vigor neste mes de marzo, cando se publicou o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, que era o último trámite que restaba despois dun longo traballo do goberno local sobre todo dende o 2006, cando se asina o contrato co equipo redactor, e tras a aprobación provisional no 2013. A cidadanía xa pode consultar o plan completo na páxina web municipal (www.concellodebueu.gal). Trátase dunha ferramenta que supón un salto cualitativo sobre as normas subsidiarias, pois permitirá o incremento de zonas verdes, viais estruturantes, novas áreas de lecer ou equipamentos comunitarios. Neste senso, é importante destacar que se trata un plan no que ocupa un lugar salientable a preservación do entorno natural e a protección do patrimonio (coa inclusión dun catálogo importante), así como a aposta polo solo industrial. Ademais, representa unha nova oportunidade para os núcleos rurais, tan importantes no Concello de Bueu, xa que vai permitir a recuperación e rehabilitación de todo o parque de vivenda tradicional.
Pola súa banda, a piscina municipal recibiu unha subvención da Deputación de Pontevedra por importe de 1.500.000 euros no marco do Plan de Reequilibrio Territorial para equipamentos singulares en concellos de menos de 20.000 habitantes. A maiores, o Concello de Bueu contará coas achegas do Plan Concellos 2018 e 2019, tamén do ente provincial.
Cun orzamento total de 2,8 millóns de euros, esta infraestrutura tan importante para Bueu construiríase nunha parcela das Lagoas, que ten unha superficie de 1863 metros cadrados. Amais do vaso da piscina cunha dimensión de 12 x 25 metros, habería diversos espazos nos que se relacionan a saúde e o deporte, tales como sala de aerobic, sala de relaxación, sala de fitness, sala de masaxes, e sauna. Polo tanto, e como xa se ten destacado en diversas ocasións, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que terá unha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación.

Deja un comentario