+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018

CUBELA SOLICITARÁ APOIO DA POLICÍA AUTONÓMICA PARA LOCALIZAR AOS AUTORES DAS VERTEDURAS INCONTROLADAS DE LIXOÚLTIMAS


O servizo de Medio Ambiente descubre ata oito focos irregulares de residuos no último ano e alerta do risco de lumes e contaminación

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou na xornada de hoxe que vai requerir dos servizos e o apoio da Policía Autonómica para localizar aos autores de diversas verteduras incontroladas de lixo que están a proliferar por algúns puntos do municipio. O rexedor quere que se descubra aos responsables e respondan por estes graves feitos e tamén que a poboación tome nota destas malas prácticas e aumente o seu grao de concienciación para respectar o medio ambiente.

“Sabemos que a práctica totalidade dos veciños son moi responsables co medio ambiente e co tratamento de lixo, porque temos datos e porque participan masiva e activamente en moitas campañas e iniciativas nas que somos pioneiros a nivel galego, pero hai uns poucos desalmados, que non sabemos se son deste concello ou veñen doutros lugares, que estropean parte do noso esforzo creando vertedoiros incontrolados nun territorio privilexiado medioambientalmente e non llo imos permitir”, manifestou Cubela, que indicou que este asunto vaise poñer en mans da Policía Autonómica, xa que o seu obxectivo é erradicar estas malas prácticas.

Ademais de recorrer ás forzas de seguridade, o rexedor tamén pediu a colaboración veciñal para tratar de axudar na identificación dos responsables destes focos irregulares de depósito de lixo, “xa que ao final estas cuestións repercuten no peto dos cidadáns, xa que hai que afrontar unhas tarefas de limpeza, para evitar riscos de lumes e contaminación e a mala imaxe da nosa paisaxe, que teñen uns custos que se sufragan con diñeiro de todos”.

O Concello, a través do servizo técnico municipal de Medio Ambiente, descubriu nestes días, tras unha exhaustiva labor de inspección polo termo municipal, novos vertedoiros incontrolados e ten localizados ata un total de oito no último ano. Ademais, algún deles foi limpado e reapareceu en menos dun mes.

Neste senso, desde Medio Ambiente se indica que a proliferación destas verteduras é moi grave para o territorio, xa que incrementan moito o risco de lumes forestais e a existencia de

contaminación nas augas e nos montes, aparte de conferir unha mala imaxe a un concello privilexiado desde o punto de vista paisaxístico.

Desde o Concello aseguran non entender este tipo de accións, xa que lembran que a entrega de residuos voluminosos no Punto Limpo e a recollida domiciliaria dos mesmos, previa concertación de cita, son gratuítos para todos os veciños.

“Non imos consentir que os grandes esforzos que estamos a facer, con moitos programas e fondos, para ter un medio ambiente en perfectas condicións e un servizo de limpeza cun óptimo funcionamento queden empañados pola irresponsabilidade duns poucos. Queremos preservar a nosa natureza e o noso territorio nas mellores condicións e imos atacar este problema con toda a nosa forza”, concretou o rexedor local.

Deja un comentario