+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018

FEIJÓO ANIMA A SEGUIR APOSTANDO POLA MÁXIMA CALIDADE COMO MARCA DUN SECTOR TURÍSTICO QUE CONTA CON 273 ESTABLECEMENTOS COA Q DE CALIDADE, MÁIS DO DOBRE QUE EN 2007


Subliña que en 2017 por primeira vez se chegou a máis de 5,1 millóns de turistas; ás 10,6 millóns de noites e incrementouse un 8,6% o número de pernoitas de turistas internacionais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe a seguir apostando pola máxima calidade e a excelencia como marca dun sector turístico que conta con 273 establecementos coa distinción Q de calidade, máis do dobre que as 116 que se tiñan en 2007.

Logo de destacar que investir e mellorar a calidade é sempre a opción máis rendible, no curto, medio e longo prazo, Feijóo aseverou que non é casualidade que Galicia sexa a primeira comunidade de España por número destas distincións. Non en van, recordou que a profesionalización e o compromiso do sector, o impulso das administracións e a implicación colectiva fixeron posible que Galicia leve tres anos consecutivos batendo récords.

Ao respecto, subliñou que en 2017 por primeira vez se chegou a máis de 5,1 millóns de turistas; ás 10,6 millóns de noites e incrementouse un 8,6% o número de pernoitas de turistas internacionais. “É dicir, acadamos un crecemento sostido no número de visitantes, con cada vez máis noites por turista e mellor repartidos ao longo do ano”, precisou, ao que engadiu que, ademais seguen mellorando os ingresos por habitación e a facturación total do sector hoteleiro creceu un 9,4% ata os 300 millóns de euros.
Durante a entrega dos recoñecementos Q de Calidade Turística 2017, o presidente da Xunta aseverou que este acto pon de manifesto o camiño do sector cara á especialización. Así, a comunidade ten: o 64% das Q de calidade en instalacións náutico-deportivas; a metade das casas de turismo rural de España con este recoñecemento e un de cada catro balnearios.

Neste último eido, o do turismo termal, Feijóo destacou o importante esforzo que Galicia está a facer para dar a coñecer a súa riqueza, con máis de 300 mananciais e 20 balnearios que fan que a comunidade sexa a primeira potencia termal de España e a segunda de Europa.

Así mesmo, recordou que a futura Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais impulsará a regularización e a seguridade dos usuarios dos espazos termais que hai en Galicia, daqueles que non teñen a categoría de balnearios pero que si prestan un servizo.

Ademais de seguir mellorando nos ámbitos nos que o turismo galego é unha referencia, o sector estase abrindo camiño tamén nalgúns dos nichos de mercado con máis potencial como o turismo industrial, coa metade das distincións Q a nivel español; ou o turismo activo con preto de 4 de cada 10 Q.

Cómpre salientar que Galicia mantén tamén a segunda posición en número de Q de calidade en dous tipos de establecementos fundamentais para o turismo: axencias de viaxes e servizos de restauración.

Nesta liña, Feijóo referiuse a Salvaterra de Miño como un referente da diversificación turísticas que se está a fomentar. Así, o xeodestino ría de Vigo-Baixo Miño recibiu en 2017 un 11% máis de turistas e un 20% máis de visitantes internacionais, contando cunha grande variedade de recursos turísticos.

Por último, o presidente da Xunta valorou que, segundo os primeiros datos do Clúster do Turismo, a nosa Comunidade tivese unha ocupación na Semana Santa de entre un 65% e un 80%, a pesar do mal tempo.

Feijóo concluíu destacando a oportunidade que suporá para o sector fitos tan importantes como son o Xacobeo de 2021 ou os recoñecementos como Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra e de Cíes-Illas Atlánticas, que cada vez están máis preto.

Deja un comentario